Arias lembra ao Concello de Vilalba que pode solicitar as axudas para un PAI

TerraChaXa
A Xunta de Galicia explica que ata o 13 de outubro está aberta a convocatoria de axudas para as entidades locais que queiran ampliar as prazas de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil, de 0 a 3 anos.
escola infantil nenos pintando
29 sep 2023

A Xunta de Galicia explica que ata o 13 de outubro está aberta a convocatoria de axudas para as entidades locais que queiran ampliar as prazas de escolarización no primeiro ciclo de educación infantil, de 0 a 3 anos.

Ao respecto, lémbralle ao Concello de Vilalba que a creación dun Punto de Atención á Infancia permitiría asumir a demanda que existe no municipio, e reitera o compromiso de colaborar na posta en marcha deste servizo de titularidade municipal.

A Consellería de Política Social e Xuventude dirixiuse por carta hai uns días ao Concello para ofrecer esta alternativa, a creación dun Punto de Atención á Infancia (PAI) no que poderían convivir nenos e nenas dentro dese tramo de idade, sen necesidade de distribuír o alumnado en distintas aulas.

A achega da Xunta superaría os 120.000 euros para abrir un PAI con 20 prazas, que se estima son necesarias para cubrir a demanda existente. Dada a dotación de fondos asignados a este programa, a Consellería garante que o Concello obterá a subvención no caso de solicitala.

O Goberno galego conta en Vilalba cunha escola infantil da rede Galiña Azul con 74 prazas, pero non é posible ampliala tanto por cuestións técnicas como de calidade do servizo que se presta aos usuarios, xa que habería que sacrificar espazo da zona de xogos. Ademais, unha aula nova só acollería un curso, e os candidatos ás prazas son nenos e nenas de distintas idades.

0.14730191230774