Arias supervisa o inicio das obras de ampliación de estradas no polígono da Pastoriza

A Consellería de Economía e Industria destina 96.000 euros á ampliación das infraestruturas viarias do polígono da Pastoriza, con cargo á orde de axudas a concellos para acometer melloras nas áreas empresariais.
O delegado territorial, Javier Arias, e o alcalde, Darío Cabaneiro, visitaron a zona para informar sobre o proxecto, que se executará nunha parte do parque sen urbanizar, dándolle continuidade cara o Oeste.
Así, está previsto acometer novas infraestruturas viarias nun treito de 155 metros, con beirarrúas a ambos lados e accesos ás parcelas, incluídos os rebaixes nos bordos para facilitar a entrada de vehículos.
Tamén se habilitarán as canalizacións de baixa tensión, saneamento e abastecemento. Ademais, adecuarase o alumeado público e as instalacións de vixilancia e seguridade, que estarán conectadas co sistema de cámaras existente no polígono.
O obxectivo é crear os servizos necesarios para o asentamento de novas empresas. Actualmente, 17 firmas desenvolven a súa actividade nesta área industrial, cuxa superficie ronda os 100.000 metros cadrados.
Arias destacou que esta orde de axudas da Xunta "contribúe á modernización e á competitividade dos polígonos industriais”, e facilitan que as empresas “dispoñan dos servizos e infraestruturas que precisan para desenvolver o seu traballo”.
As achegas foron convocadas no mes de febreiro cun crédito de 3M€, e ante a boa acollida que tiveron entre os concellos ampliouse o orzamento en 2,5M€ para financiar máis proxectos.