Arias visita Guitiriz para poñer en valor os apoios ao sector turístico

A Xunta de Galicia destinou nos últimos meses máis de 4,2 millóns de euros a sufragar actuacións de mellora das instalacións e da eficiencia enerxética das empresas turísticas lucenses ao abeiro de senllos programas impulsados por Turismo de Galicia.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou o hostal restaurante La Casilla, en Guitiriz, beneficiario de ambas iniciativas o pasado ano. Explicou que no conxunto da provincia concedéronse 70 achegas a establecementos de aloxamento e restauración; dese total, 38 corresponden á convocatoria para mellorar a eficiencia enerxética, cun importe global de 3,7 millóns de euros, e 32 ao plan de axudas para modernizar ou reformar as infraestruturas, por unha contía de máis de 482.000 euros.
Con respecto a esta segunda medida, Arias sinalou que xa está aberta a convocatoria de 2026 e as persoas interesadas poderán presentar as solicitudes a través de sede electrónica ata o vindeiro luns, día 13. Está dotada con 4,5 millóns de euros e o financiamento pode alcanzar o 60% do orzamento previsto ata o importe máximo de 60.000 euros.
O delegado gabou “o pulo do sector e o seu esforzo por ofrecer servizos de calidade en instalacións cada vez máis coidadas e confortables”, e referiuse ao establecemento guitiricense como “un referente na comarca, que se reforza con máis e mellores servizos”. En concreto, nos últimos meses realizaron obras na envolvente térmica e no sistema eléctrico para conseguir un maior aforro enerxético e confortabilidade, e tamén renovaron a zona de xogos infantís.
Na mesma liña, subliñou a aposta do Goberno galego para “reforzar a calidade e a competitividade dun sector clave para a nosa economía”, que abrangue o 11% do total de ocupados na Comunidade.