Arranca a décima edición do Reto Lector na Biblioteca das Pontes

O Concello das Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco, pon en marcha unha nova edición do Reto Lector, unha iniciativa consolidada que celebra este ano a súa décima edición e que ten como obxectivo principal fomentar o hábito da lectura entre os usuarios e usuarias da biblioteca e entre toda a veciñanza interesada no mundo da literatura.
O Reto Lector converteuse ao longo destes anos nunha proposta de referencia dentro da programación cultural municipal. Tal e como explica Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura, “trátase dunha ferramenta clave para o fomento do hábito lector desde as idades máis temperás, xa que contribúe a espertar a curiosidade, a imaxinación e o pensamento crítico da rapazada, ao tempo que converte a lectura nunha actividade atractiva, lúdica e compartida”.
A concelleira destacou tamén a relevancia da iniciativa para a poboación adulta, sinalando que “ler non só é unha forma de lecer, senón tamén unha vía para a aprendizaxe continua, o benestar emocional e a participación cultural. O Reto Lector axuda a manter vivo o vínculo coa biblioteca, a descubrir novos xéneros e autores e a crear comunidade arredor dos libros”.
A iniciativa está dirixida tanto ao público infantil como ao público adulto, a partir dos 14 anos. Para completar o reto, as persoas participantes deberán ler 12 libros ao longo do ano, pertencentes ao fondo bibliográfico da Biblioteca Municipal. No caso do público infantil, os títulos adaptaranse ás súas idades e intereses lectores.
Co obxectivo de facilitar a elección das lecturas, o Reto Lector estrutúrase en categorías temáticas, que permiten aos lectores e lectoras organizar as súas lecturas e o seu calendario da forma que lles resulte máis cómoda, sendo recomendable a lectura dun libro ao mes.
No Reto Lector Adulto 2026, as categorías inclúen propostas como a lectura dun libro aclamado pola crítica, un libro feminista, teatro, obras da editorial Galaxia, contido LGTBI+, títulos de autores e autoras da comarca, libros galardoados co Premio Pulitzer ou obras dun autor ou autora xa falecido/a, entre outras. Ademais, inclúese un reto bonus cun libro adaptado ao cinema, que conta como incentivo cun agasallo de dúas entradas de cine.
Pola súa banda, o Reto Lector Infantil 2026 propón categorías atractivas e adaptadas aos máis novos, como libros de piratas, emocións, monstros, fantasía, igualdade, detectives, cómics, biografías ou historias sobre o mar, incorporando tamén un reto bonus vencellado ao cinema.
“Despois de dez edicións, podemos afirmar que o Reto Lector é xa un proxecto plenamente consolidado nas Pontes, que nos permitiu incrementar o número de persoas socias da biblioteca, dinamizar fondos con poucos préstamos e, sobre todo, formar novos lectores e lectoras e recuperar o hábito lector en moitas persoas adultas”, concluíu Tenreiro.
Desde o Concello das Pontes anímase a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa que promove a lectura como ferramenta de lecer, aprendizaxe e encontro cultural, reforzando o papel da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco como un espazo dinámico, aberto e de referencia no ámbito cultural do municipio.
As persoas interesadas poden obter máis información e inscribirse directamente na Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco.