Arranca a edición do cincuenta aniversario do belén de Begonte

TerraChaXa
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi o encargado de inaugurar este ano o Belén de Begonte, declarado de Interese Turístico Galego.
inauguracion belen de begonte
3 Dec 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi o encargado de inaugurar este ano o Belén de Begonte, declarado de Interese Turístico Galego, e que celebra este ano o seu cincuenta aniversario nesta vila chairega co obxectivo de obter a distinción de Interese Turístico Nacional.

Rueda asistiu á inauguración desta instalación, da que resaltou a súa singularidade e orixinal sistema de animación que fai que se teña convertido nun referente do Nadal galego. Así, salientou que o Belén de Begonte transcende a súa orixe relixiosa e forma parte do patrimonio cultural de Galicia, ata o punto de que atrae cada ano ao redor de 40.000 visitantes.

O mandatario galego tamén considerou que o Belén de Begonte reflicte valores cos que facilmente se poden identificar todos os galegos e galegas. Entre eles, apuntou o traballo en equipo de toda a veciñanza, que cada ano fan novas pezas de xeito voluntario;  a aposta pola tradición e innovación que se percebe na actualización do seu mecanismo de funcionamento e o interese por seguir mellorando e actualizándose.

O acto inaugural tivo lugar, coma sempre, no salón de actos do centro cultural José Domínguez Guizán, a partir das 19,00 horas pero ademais contemplou este ano outras accións, como foi a inauguración dunha escultura do artista lucense César Lorenzana, na praza Irmáns Dominguez Guizán, á beira do belén, como primeiro dos elementos que van situarse en cada unha das parroquias do Concello como símbolo de que todos os camiños de Begonte conducen ata o Belén.

A apertura ao público do Belén faise hoxe, como é tradicional, o primeiro sábado do mes de decembro, despois da misa polos amigos do belén falecidos, que se celebrará na igrexa parroquial de Begonte ás 18.00 horas. Ata o día 23, o nacemento poderá visitarase só as fins de semana e festivos en horario de 11.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas. Durante as festas de Nadal abrirá todos os días e a partir do 7 de xaneiro e ata o 28, que será cando peche, volverá estar só aberto as fins de semana.

CINCUENTA ANIVERSARIO

A organización do belén e tamén do Concello queren que este cincuentenario sexa especial polo que teñen previsto realizar unha serie de actividades e lembranzas deste tempo, que se iniciou no ano 1972, cando foi fundado polo crego local, José Dominguez Guizán, e o artista José Rodríguez Varela.

Fai unhas semanas, o Papa Francisco recibiu de mans do alcalde de Begonte, José Ulla, e do tenente de Alcalde, Luis Luaña, un recordo e tamén unha explicación sobre o Belén de Begonte, declarado de Interese Turístico Galego.

Unha comisión formada por persoeiros da localidade, á fronte da que estaba o alcalde, fixo entrega ao Papa dunha escultura do artista lucense César Lorenzana, que non é outra que unha maqueta do monumento instalado na praza Irmáns Dominguez Guizán.

En entre outras das accións que se organizarán para celebrar este aniversario está a elaboración dun mural a través de Diego As que se situará na N-VI.

O belén de Begonte volveu abrir o ano pasada tras unha edición pechado pola pandemia. Aínda que se volveu á presencialidade, as visitas fixéronse en grupos reducidos, rexistrados previamente a través de internet ou telefónicamente, atendendo tamén a quen acudía sen reserva na medida en que as disponibilidades de espazo o ían permitindo.

Estímase en algo máis de 14.000 visitas as recibidas nos case dous meses de funcionamento do belén o ano pasado, ás que hai que sumar as 12.500 (algo máis de 200 diarias) visitas á páxina web desde diversos puntos do mundo, sendo maioría os españois e, dentro deles, os galegos.

Por outra banda, trinta membros da Asociación de Mulleres de Paradela, desprazáronse este venres a Begonte para participar nos actos de inauguración do Cincuentenario do Belén de Begonte.

Esta viaxe enmárcase dentro das actividades extraordinarias desenvolvidas en Paradela con motivo do Bicentenario da institución municipal, que se ven celebrando desde o pasado mes de xullo.

A presidenta da asociación paradelense, Rocío Domínguez, entregou ao presidente da Xunta, no nome do alcalde, José Manuel Mato, o agasallo institucional do Concello alusivo ao Bicentenario.

OUTRAS ACTIVIDADES

Nestes case dous meses nos que estará aberto o belén de Begonte están previstas diferentes actividades, entre as que figuran dúas retransmisións televisivas e a apertura de dúas exposicións.

Estas estarán na sala da Delegación Territorial da Xunta de Galicia entre o 2 e o 17 de decembro e na Biblioteca Nodal de Lugo entre o 19 de decembro e o 6 de xaneiro.

Unha delas será 50 anos do belén de Begonte, 1972-2022, que reflicte en 13 paneis a historia deste medio século, deténdose no seu nacemento, o carácter galego do belén e o impulso ás artes.

Na segunda mostra, No Belén de Begonte, imaxes e palabras, as fotos de Miguel Calvo, Miguel Fraga, Fernando Gago, José Manuel Guisasola, Gerardo Méndez e Eduardo Ochoa combínanse con anacos de poemas premiadas no certame.

CONCURSOS

Un ano máis convocaranse os catro concursos vinculados ás distintas artes. Así volverá convocarse o de Arte, premiado con 1.500 euros; o de poesía, con 600 euros para o gañador e 300 para o segundo e o de periodismo, cos mesmos premios. Todos estes son para adultos.

Ademais, tamén se convocou outro de debuxo infantil, con dúas categorías, ata 10 anos e de 11 a 15 anos.

O prazo de presentación de candidaturas xa está aberto e rematará o día 6 de xaneiro, agás no de arte, que finaliza o 25 de decembro.

Begonte folleto programa 2022 2
Begonte folleto programa 2022 1
0.2200870513916