Arranca a Liga con moitos cambios nas categorías feminina e de base

Despois dun verán de cambios nos equipos, de baixas e fichaxes, a fin de semana do 6 e 7 de setembro será o tempo de volver aos campos de fútbol, nunha nova tempada que volve traer cambios na xerarquía das categorías nas ligas de base. O único que se estreou xa é o primeiro equipo do Lugo, que é o que máis arriba está na competición futbolística da provincia e que saíu ao verde para o seu primeiro duelo da liga regular a última fin de semana de agosto. O albivermello está este ano en Primeira Federación e é o único da provincia en ocupar praza, concretamente no grupo 1, xunto a outros galegos como Ferrol, Ourense CF, Pontevedra CF, Arenteiro e Celta Fortuna.
Un piso máis abaixo, en Segunda Federación, está a Sarriana, que debutará na categoría logo dun ascenso moi disputado e coa vista posta na permanencia. Esta categoría está dividida en 5 grupos e os galegos están no primeiro. Iván Carril está aos mandos dun equipo que se renovou para esta nova e longa batalla.

As categorías profesionais rematan aquí, dando paso á Terceira Federación onde este ano xúntanse varios equipos da provincia no único grupo galego. O Lugo B, o Vilalbés e o Viveiro terán a mesma data de inicio que o resto e competirán polo prezado ascenso, que constará dunha única praza directa e outras catro para disputar a promoción. Pola contra, serán tres os asentos que levarán aos equipos de volta á Preferente, onde este ano o Pol e o Burela (que vén de ascender) serán os encargados de defender o pavillón lugués no grupo norte, mentres o Lemos o fará no grupo sur. Os ascensos serán similares que en Terceira, pero haberá catro descensos.
Tamén está todo preparado para o inicio das competicións provinciais. En Primeira Futgal, agrupados principalmente no grupo 3, a data de inicio será o día 7 tamén e contará con novos participantes, un Ribadeo que descende tras varios anos en categorías superiores, e outros ascendidos, como o Iberia, ou o regreso do Milagrosa, logo de xogar a tempada pasada con equipos da provincia de Pontevedra. O Brollón, pola súa conta, que ascendeu o ano pasado, xogará no grupo 4, xunto aos equipos de Ourense. Tamén regresa o Escairón tras unha tempada na categoría superior. Residencia e Castro, que xogaron a promoción, non lograron o ansiado regreso á Preferente.
Nos dous grupos de Segunda, que esperarán unha semana máis para o comezo, hai moitos máis cambios. No grupo 1 regresan á categoría por descenso Pastoricense e Meira, e se incorporan por ascenso Goiriz, Matela e Castroverde. No grupo 2 só chega por descenso o San Lázaro mentres ascenderon Monterroso B, Sarriana B e Sober.
A Terceira tamén terá novidades, tendo a súa xornada inicial o 28. Dividida novamente en dous grupos, no primeiro debuta o Pol B, equipo de nova creación, e contará con Mondoñedo e Muimenta, que descenderon o ano pasado, o primeiro nos arrastres e pola retirada da competición do Cospeito despois dunha tempada horrible. No grupo 2, os descensos afectaron a Quiroga e Rubián e, ademais, o Incio e A Piringalla caeron tamén polos arrastres.
As ligas femininas tamén terán o seu inicio en setembro. A Terceira Federación, que agora volve ter categoría de autonómica, contará co PM Friol, que sairá ao verde o día 21 para seguir buscando o ascenso despois dos profundos cambios que realizaron e que baixaron a categoría das luguesas, que o ano pasado quedaron no top 10 dunha competición nacional.
O CD Lugo, compañeiro de disputa, non estará no seu sitio debido aos cambios que trouxo a transformación interna do club, logo da decisión de eliminar a liña feminina, polo que esta retorna á Terceira División Galega, para a que aínda non se coñecen os calendarios nin os equipos participantes. Si se sabe xa que o Antas estará en Primeira, logo do ascenso o ano pasado.

FÚTBOL BASE
Este ano, os equipos da provincia volverán ter representación en todas as categorías superiores do fútbol base. O equipo xuvenil principal do Lugo logrou o ascenso á División de Honra, despois dun ano no descenso. A competición, cun grupo moito menos numeroso, arrancará o día 13. Pola súa banda, o Lugo B estará na Liga Nacional Xuvenil. Na máxima categoría cadete e infantil tamén estará o Lugo, como único representante da provincia.
A Preferente, tanto xuvenil, como cadete e infantil, que se correspondería coa Liga Galega de edicións pasadas, tamén se reestrutura para estar formada por 3 grupos. Na xuvenil están os lugueses do norte, con Residencia e Vilalbés; mentres que no 3 estará o Calasancio. Na cadete, a representación da provincia estará en mans dos mesmos dous equipos, ademais do Lugo B. A Milagrosa, Residencia e A Piringalla serán os representantes na infantil do norte, xunto ao Calasancio, no sur. Todos arrancarán a mediados de mes.
O novo cambio que ten este ano é que a provincial queda dividida en Primeira, Segunda e Terceira, as dúas primeiras categorías tamén terán o seu inicio rapidamente, pero a Terceira terá o seu comezo máis tarde, ao igual que o farán os alevíns, benxamíns e prebenxamíns, que ata outubro non sairán ao verde.