Arranca a quinta edición do programa Coñece a túa provincia da Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Preto de 1.200 veciños e veciñas de 26 concellos da provincia participarán entre setembro e outubro nesta iniciativa
as-bulidoras-conece-a-tua-provincia
2 Sep 2025

A Deputación de Lugo reabre este martes a quinta edición do programa de viaxes Coñece a túa provincia, que arranca hoxe a súa segunda quenda do ano con visitas gratuítas á Mariña. Preto de 1.200 veciños e veciñas de 26 concellos de toda a provincia participarán entre setembro e outubro nesta iniciativa da institución provincial que ten por obxectivo promover o turismo de proximidade e poñer en valor o patrimonio.

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, recibiu no Centro de Interpretación Terras do Miño aos membros da Asociación As Bulidoiras, das Nogais, que visitarán este martes o museo do mel do Valadouro, a Finca Galea ou o castelo de Alfoz. Estreou tamén o calendario de excursións a asociación Hombreiro Río Miño, de Lugo, que fará unha ruta que lles permitirá coñecer as principais praias do Vicedo e o casco antigo de Viveiro. Esta semana percorrerá a provincia tamén a veciñanza de San Tirso, en Palas de Rei; do Carballido, de Castro de Cuíñas e de Cereixido, na Fonsagrada; de Santa Cristina de San Román, en Lugo; e de Santiago de Sobracedo, en Taboada.

Pilar García Porto, deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, valorou que o balance da temporada completa é “moi bo”, con máis de 130 entidades veciñais da provincia –o que supón máis de 3.000 persoas- participando entre as dúas quendas. “Este programa é un éxito ano tras ano, un éxito en participación e en retorno económico. Cada persoa que fai unha das nosas rutas xera aproximadamente 60 euros que impactan directamente no sector turístico. Estamos a falar de que levamos xerado preto dun millón de euros desde que arrancamos con esta iniciativa”, calculou.

Argumentou a Deputada que o modelo de turismo polo que aposta a Deputación, e no que se enmarca este programa, “baséase nos principios de accesibilidade, porque é unha opción máis inclusiva por non requirir custos elevados; de reforzo da identidade local, por poñer en valor tamén as tradicións, a gastronomía e as costumes; da dinamización económica do territorio, por impactar directamente na hostalaría, o comercio e os servizos locais; e no respecto ambiental, porque favorece un modelo respectuoso co medio natural e os recursos do territorio”.

Esta iniciativa provincial está dirixida a asociacións e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia e consiste en viaxes gratuítas, en pequenos grupos, dunha xornada de duración por diferentes puntos da xeografía lucense seguindo diversas rutas polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.

⚙ Configurar cookies
0.1593759059906