Arranca en Castroverde a tempada de billarda co triunfo de Billardeiros Musicais
Coa VIII edición do Aberto das Noces, organizada polo equipo de Billarda Verde no campo da Veiga do Olmo de Castroverde, arrincou unha nova tempada de billarda da conferencia NorLeste.
Fermoso e multitudinario comezo nun domingo perfecto para a práctica deportiva. Un total de oitenta e cinco palanadores déronse cita (52 homes, 21 donas e 12 cativos).
A néboa baixa deixou a súa pegada na herba do campo que puxo en algún aperto aos planadores. Os que mellor se afixeron as dificultades foron Félix de Billardeiros Musicais, Albino de Carabullo (primeiro e segundo) e Pepe Outeiro (Billarda Río Miño) e Daniel (Billardeiros Musicais) que foron a un desempate polo terceiro chanzo do podio, resultando gañador o mariñao.
Por equipos, comezan os Billardeiros Musicais de Ribadeo dando guerra por diante de Billarda Río Miño de Ponte de Outeiro e de Troitas Bravas da Pontenova.
Irea de Carabullo foi a gañadora en donas por diante da ribadense Dori e da Troita Brava Alba (que estrea categoría deixando o podio infantil).
En infantís, suma e sigue, Madia Leva mete ás súas estrelas Diego e Mateo como primeiro e segundo; na súa derradeira tempada como infantís queren deixar a súa pegada sendo un ano máis os amos da categoría. Terceira quedou Antía de Troitas Bravas.
Seixas, do equipo anfitrión, fixo entrega de agasallos aos tres primeiros clasificados así como ao equipo gañador da xornada.
A seguinte xornada xa o vindeiro domingo 29 de setembro en Pol.