Arranca en Cospeito o programa de vacinación nos colexios fronte á gripe

TerraChaXa
Persoal de enfermería da área sanitaria desprazouse ao colexio para administrar as vacinas, que se aplican por vía intranasal
vacinacion-escolares-cospeito
14 Oct 2025

Os escolares do Centro Público Integrado (CPI) Virxe do Monte de Cospeito foron os primeiros da provincia en acoller o programa piloto da Xunta para a vacinación fronte á gripe nos centros educativos. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, supervisou o inicio da campaña, que é totalmente voluntaria para as familias.

Persoal de enfermería da área sanitaria desprazouse ao colexio para administrar as vacinas, que se aplican por vía intranasal. Estaban convocados un total de 149 alumnos e alumnas, xa que o programa diríxese aos rapaces de entre 3 e 11 anos, isto é, os que cursan de 4º a 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria.

No conxunto da provincia a campaña pretende chegar a algo máis de 2.300 rapaces de nove colexios ao longo de dúas semanas. A previsión inicial é que mañá teña lugar no centro Nosa Señora da Asunción de Sarria, o xoves no colexio San Xosé de Lugo, e o venres na Escola de Educación Infantil de Vilalba. O luns día 20 recalará no Vista Alegre de Burela, o martes no Luis Pimentel de Lugo, o mércores no Landro de Viveiro, o xoves no Lagostelle de Guitiriz, e finalizará o venres 24 no centro Doutor López Suárez de Friol, aínda que podería estar suxeita a algún cambio por razóns de organización.

No conxunto de Galicia seleccionáronse 55 centros para acadar unha representatividade dos estratos urbanos, semiurbanos e rurais. En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.

En cada un destes centros organizáronse reunións coas familias e co equipo de enfermería para informar, resolver dúbidas e entregar a folla informativa e a autorización para a vacinación.

O obxectivo da campaña é acadar unha cobertura do 70% entre os nacidos entre 2014 e 2022 para, deste xeito, diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas deste virus na poboación infantil, evitar a cadea de transmisión ás súas familias e reducir o impacto na poboación en xeral.

Onte tamén arrancou o calendario de vacinación infantil contra a gripe en todos os centros de saúde da comunidade, para cativos entre 6 meses e 11 anos. As familias recibirán un SMS coa cita correspondente.

A campaña de vacinación está activa en Galicia desde o pasado 29 de setembro. Entre as novidades deste ano destacan o citado programa piloto, a extensión da cobertura na poboación infantil ata os 11 anos, ou a administración da vacina antigripal de alta carga para as persoas de 70 a 79 anos, xa que ata o de agora estaba limitada aos maiores de 80, persoas residentes en centros sanitarios e inmunodeprimidas.

⚙ Configurar cookies
0.072692155838013