Arranca en Friol a programación de verán cun pasarrúas

LugoXa | TerraChaXa
Haberá actuacións as fins de semana ata o 24 de agosto
programacion-veran-friol
19 Jul 2025

O Concello de Friol presenta unha completa programación cultural para os meses de xullo e agosto, enchendo o verán de música, teatro, maxia e humor. As actividades desenvolveranse no Parque Rosalía de Castro e están dirixidas a todos os públicos, cunha aposta clara polo entretemento familiar e pola dinamización cultural da vila.

A programación arrinca o domingo 20 de xullo coa actuación da Familia Bocaprier, que animará as rúas e bares de Friol cun pasarrúas musical cheo de ritmo, enerxía e moito humor. O domingo seguinte, 27 de xullo, será a quenda de Os Carunchos, que ofrecerán un espectáculo musical baseado en temas de nova creación e versións musicadas de poemas da literatura galega.

Xa en agosto, o sábado día 2, o ilusionista Dani Polo sorprenderá ao público cun espectáculo de maxia pensado para toda a familia. O sábado 9, a compañía Punto en Boca do Centro Dramático Galego porá en escena unha peza de teatro familiar que reflexiona sobre o valor dos oficios tradicionais e o papel das mulleres no mundo téxtil.

A programación pecharase o domingo 24 de agosto cun espectáculo de circo e clown protagonizado por Mere Clown, con malabares, lume, equilibrios e participación do público, nunha proposta chea de diversión.

Este ciclo cultural está organizado polo Concello de Friol en colaboración coa Xunta de Galicia, a Rede Cultura no Camiño e o Centro Dramático Galego, garantindo así unha ampla oferta de ocio e cultura para os meses estivais.

⚙ Configurar cookies
0.31370902061462