Arranca en Friol unha carreira de viaxes en medios de transportes sostibles ata Catalunya

Deu comezo en Friol esta semana a Eurodesk Race, unha iniciativa da Asociación Ingalicia (punto de Eurodesk na Coruña) e ADR Comarca de Lugo (punto de Eurodesk da provincia de Lugo situado en Friol) no marco da campaña Time to Move.
Trátase dunha competición por parellas que implica viaxar desde Friol ata A Garrotxa (Catalunya), utilizando unicamente medios de transporte sostibles –con tan só 20 euros diarios por participante para transporte, aloxamento e manutención– en cinco días: Friol-León, León-Santander; Santander-Logroño, Logroño-Zaragoza e Zaragoza-A Garrotxa.
A Eurodesk Race ten como finalidade promover a conciencia sobre a mobilidade sostible, o intercambio cultural, a promoción de oportunidades europeas e o compromiso xuvenil. E, para iso, entre outras accións, as cinco parellas participantes levarán a cabo distintas actividades nas diferentes localidades –en colaboración cos postos locais Eurodesk onde farán checkpoint– para dar a coñecer que lles pode ofrecer a Unión Europea.