Arranca en Guitiriz unha nova edición dos seminarios da USC sobre paisaxe
O programa comezou onte, 28 de xuño, e desenvolverase ata mañá, venres 30 de xuño, principalmente na Casa Habanera con 45 participantes.
Deu comezo o programa de seminarios de verán “Poética da paisaxe” que organizan conxuntamente o Concello e a USC e que ten lugar na Casa Habanera. As actividades do campus de verán, que se están a desenvolver dende onte, xoves 28 de xuño, durarán ata mañá, venres 30 de xuño, e contan ca participación de 45 alumnos e alumnas.
Ó acto de inauguración acudiron a alcaldesa, Marisol Morandeira; o director do seminario, Roxelio Pérez Moreira; o vicerreitor de Ordenación Académica e do Campus de Lugo da USC, Francisco José Fraga López; e a profesora na facultade de Ciencias da Educación da USC e membro de número da RAG, María López.
Estes seminarios, que xa alcanzan a décimo quinta edición, procuran un achegamento á paisaxe e á natureza a través de diversas disciplinas artísticas ou culturais e das percepcións emocionais.
Nos días que restan de seminarios os alumnos poderán seguir desfrutando de actividades como a proxección audiovisual de Pervivencia, dirixida polo profesor da Universidade de Extremadura Saúl de la Peña Lastra, que terá lugar hoxe ás 18:00 horas.
Mañá, día 30 de xuño, destaca o acto final para o remate do programa. Pola tarde, os alumnos percorrerán Guitiriz grazas á ruta “Guitiriz: Pedra, Auga e Termalismo.”
Unha vez finalizados os seminarios os alumnos recibirán un diploma que certificará a súa asistencia e o número de horas realizadas ademais da obtención dun crédito ECTS para os estudantes da USC.