Arranca en Meira un roteiro de Agapi polos centros de ensino da provincia

A Deputación de Lugo, en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), poñerá en marcha o roteiro “Elas, produtoras executivas”, unha iniciativa que percorrerá centros de ensino secundario da provincia co obxectivo de espertar vocacións no ámbito audiovisual, promover o interese polo feminismo e dar visibilidade ao papel das mulleres produtoras executivas galegas.
A actividade está dirixida ao alumnado de 4º da ESO, unha etapa clave na toma de decisións sobre o futuro académico, e pretende fomentar a conciencia crítica da mocidade ao tempo que achega o coñecemento sobre a produción executiva dentro do sector audiovisual.
O programa inclúe a proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza audiovisual que recolle os testemuños en primeira persoa de profesionais galegas do sector, poñendo en valor o seu traballo e converténdoas en referentes para as novas xeracións. Ao remate da proxección, desenvolverase un espazo de debate feminista moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, no que participarán algunhas das protagonistas do documental, compartindo as súas experiencias, traxectorias e perspectivas de futuro.
O roteiro comezará o martes 4 de xuño no IES Pedregal de Irimia de Meira, coa participación da produtora Laura Doval como convidada especial neste primeiro encontro. A programación continuará a partir de setembro, con novas paradas noutros centros da provincia de Lugo.