Arranca en Vilalba a programación organizada con motivo do 25N

TerraChaXa
O martes terá lugar no templete da Praza da Constitución un acto participativo no que se elaborará unha pancarta colaborativa con achegas da veciñanza
vilalba-presentacion-programa-25N
19 Nov 2025

O Concello de Vilalba presentou hoxe a programación que levará a cabo con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, unha campaña que se desenvolverá baixo o lema “O teu machismo aquí non entra: péchalle as portas á violencia” e que busca levar a reflexión sobre a violencia machista ás aulas, ás rúas e ás conversas cotiás da veciñanza.

A alcaldesa e concelleira de Igualdade, Marta Rouco, destacou na presentación que “temos claro que a loita contra o machismo non pode limitarse a un día ao ano. É unha tarefa constante na que todos e todas debemos asumir o noso papel. Queremos que Vilalba fale do 25N, que o debata e que se implique, porque só así avanzaremos nunha sociedade máis xusta e libre de violencia”.

A programación arrancou o pasado luns, 17 de novembro, cunha charla sobre violencia sexual no IES Basanta Silva, a cuxa presentación asistiu a alcaldesa. As actividades continuarán durante toda a semana nos centros de educación primaria, onde o alumnado completará o lema da campaña respondendo á pregunta: “E ti, a que lle pechas a porta?”, un exercicio de reflexión e participación activa adaptado á súa idade.

O 24 de novembro terá lugar unha enquisa e un obradoiro no IES Santiago Basanta Silva, organizado coa colaboración da FEGAMP, que permitirá coñecer o nivel de sensibilización da mocidade vilalbesa en materia de igualdade de xénero. A maiores, do 24 ao 28 de novembro, animarase á cidadanía a enviar vídeos nos que expresen aquelas actitudes machistas ás que lles pechan a porta. As gravacións, en formato horizontal, deberán remitirse ao correo ax.igualdade@vilalba.es e servirán para elaborar un vídeo colectivo que se publicará nas redes sociais municipais.

Xa o 25 de novembro, ás 12:00 horas, terá lugar no templete da Praza da Constitución un acto participativo no que se elaborará unha pancarta colaborativa con achegas da veciñanza sobre comportamentos machistas presentes na sociedade. Ese mesmo día estrearase o vídeo oficial da campaña, que se está preparando en colaboración cos establecementos hostaleiros da vila. Durante a próxima semana, estes locais repartirán pousavasos co lema da campaña para acompañar as consumicións, co obxectivo de levar o debate ao ámbito cotián.

“Queremos que o 25N se vexa, se escoite e se fale. Que o compromiso de Vilalba contra a violencia machista estea tamén nos bares, nas escolas, na casa e na rúa. Só dende a implicación real e colectiva podemos avanzar cara a igualdade plena”, afirmou a rexedora vilalbesa, Marta Rouco.

A programación complétase os días 2 e 3 de decembro coa actividade “Lentes Violetas”, un obradoiro impartido pola Cooperativa Aventeira no IES Basanta Silva e no IES Lois Peña Novo, centrado en ofrecer ferramentas para identificar e cuestionar roles, mensaxes e actitudes discriminatorias presentes na vida cotiá.

Con esta campaña, o Concello de Vilalba reafirma o seu compromiso coa igualdade e coa loita contra a violencia machista a través da educación, da participación cidadá e da visibilización constante da problemática.

CARTEL-25N---VILALBA
⚙ Configurar cookies
0.070451021194458