Arranca esta fin de semana a nova Copa VF Concello das Pontes


A VF Challenge Moto Race, o Concello das Pontes e o circuíto de karting local uniron forzas para poñer en marcha a nova Copa Concello das Pontes de VF, que nace este ano 2025 e que arranca esta fin de semana coa primeira proba.
A Copa Concello das Pontes contará cun sistema de puntuación baseado en tres eventos. Os primeiros serán dúas carreiras que se celebrarán no circuíto en 2025, ademais da desta fin de semana haberá outra o 6 e 7 de setembro. Un terceiro evento terá lugar o 19 de abril, consistente nunhas xornadas de adestramentos. Neste día, o piloto que consiga a volta rápida en cada categoría recibirá 5 puntos adicionais na clasificación da Copa.
Que o Circuíto de karting das Pontes é un referente no mundo da velocidade galega é algo indiscutible. Mostra diso é a alta participación que sempre rexistran as carreiras organizadas por VF no trazado pontés.
"O obxectivo principal desta Copa é incentivar a participación dos pilotos nos eventos organizados por VF nas Pontes. Isto non só reforzará o impacto mediático da competición, senón que tamén contribuirá de maneira significativa á economía local, aumentando o movemento na hostalaría, os aloxamentos e os comercios. Ademais, a Copa permitirá a participación de pilotos de toda España, ampliando o impacto e visibilidade a nivel estatal", explican os organizadores.
As categorías convocadas para participar na competición son: minimotos, MiniGP 110, minimotard infantil 65, GP Sport Criterium, Pitmotard 160, Pitmotard 190 e Supermoto. Os regulamentos técnicos e deportivos seguirán as mesmas directrices da VF Challenge MR.
Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán trofeos na gala de final de tempada. O gañador absoluto da Copa obterá un desconto do 50% na renovación do seguro de accidentes de 2026, tramitado por VF.
