Arranca este luns en Begonte o programa Básket no Rural
O Concello de Begonte uniuse ao proxecto formativo Básket no rural, co que se pretende achegar todos os beneficios do baloncesto aos rapaces e rapazas do Concello.
Da man do Club Baloncesto Breogán SAD, a Fundación Breogán realizará durante 5 semanas distintas actividades co obxectivo de dinamizar a poboación e sentar as bases para que, nun futuro cercano, nenos/as e adolescentes poidan desfrutar dun deporte como o baloncesto. É unha actividade gratuita, para rapaces de entre 6 e 15 anos.
O programa inclúe adestramentos, formación en nutrición, hábitos saudables, charlas sobre mulleres emprendedoras no rural, asistencia a partidos do CB Breogán, agasallos e unha morea de actividades máis.
O programa que dá comezo este luns tivo un avance cunha viaxe a Lugo para ver ao Breogán no seu partido co Baxi Manresa no Pazo Provincial dos Deportes. Nesta ocasión realizarase o primeiro adestramento no pavillón municipal de Begonte a partir das 17.00 horas.
As persoas interesadas en inscribirse poden facelo presencialmente no Concello de Begonte ou o propio día 9 no Pavillón Municipal (xunto ó CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño). Tamén chamando ou enviando Whatsapp ao 619 455 026 ou no correo electrónico deportes@concellodebegonte.es ou inscripciones@fundacionbreogan.org.