Arranca este mércores o programa de Nadal en Guitiriz

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz presentou o seu Ludinadal, alcume baixo o que se levará a cabo a programación municipal de actividades.
LUDINADAL guitiriz portada
21 Dec 2021

O Concello de Guitiriz presentou hoxe o seu Ludinadal, alcume baixo o que se levará a cabo a programación municipal de actividades para o Nadal e que incluirá opcións como obradoiros, inchables, un tren infantil e outras. 

A programación dará comezo o 22 de decembro e rematará o 5 de xaneiro. A praza do Campo da Feira, a Casa Habanera e o pavillón municipal Jonathan Carro Paz serán os recintos nos que se leven a cabo as diferentes propostas.

O Campo da Feira acollerá os obradoiros de manualidades e outras opcións de entretemento como o Nerf Battle Arena, un xogo de acción e puntería dentro dun enorme hinchable repleto de obstáculos. Ademais, tamén se instalará alí un tren infantil no que poderán viaxar os máis pequenos.

Por outra parte, no pavillón municipal Jonathan Carro Paz estará unha das opcións máis entretidas desta programación: o Deslizador Tubby Xtream, con dúas baixadas independentes para descender coma no xeo subido nun donuts inchable.

Ademais, este domingo, 2 de xaneiro, na Casa Habanera terá lugar o espectáculo musical ‘Soñando inventei’. A peza, dirixida a un público infantil de máis de 3 anos, traballa o tema da diversidade e a igualdade de xénero a través da música.

Este mércores, 22 de decembro, o Apalpador estará no Campo da Feira ás 12 horas para coñecer os desexos dos máis pequenos e para o 5 de decembro está prevista a tradicional visita dos Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar.

Todas as actividades para o Nadal levaranse a cabo dun xeito seguro, respectando todas as medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias.

programa ludinadal guitiriz
0.17719197273254