Arranca este sábado a programación de Nadal meirega cunha ampla oferta
O Concello de Meira presenta a súa programación de Nadal cunha ampla oferta de actividades culturais, solidarias e deportivas que terán lugar ao longo de varias semanas. As celebracións comezan o sábado 14 de decembro ás 18:00 horas, cun acto conmemorativo polo 127 aniversario de Avelino Díaz, no local Centro de Meira a partir das 18:00 horas.
A programación inclúe unha charla a cargo do investigador César Camoira Vega, titulada Avelino Díaz, o sabio silandeiro da Órrea e de Meira, onde se abordará a relevancia da súa oratoria e legado.
Ás 19:00 horas, proxectarase o documental A voz do pobo, realizado pola Asociación de Veciños e Veciñas de Fonmiñá, seguido dun debate arredor do contido do filme.
O acto será presentado por Ana Jartín Abreira e Nieves Pérez Andión, nun evento organizado pola Asociación Cultural Avelino Díaz e co apoio do Concello de Meira.
O domingo 15 ás 18:00 horas, a Casa da Cultura acollerá a gala benéfica organizada pola ANPA do IES, con entrada gratuíta para menores de 12 anos e recadación destinada a doazóns de alimentos. A programación continúa o sábado 21 ás 21:00 horas co concerto de Nadal da Escola de Música de Meira na Casa da Cultura.
O domingo 22 estará marcado por dous eventos: ás 13:00 horas celebrarase o festival de corais cunha misa cantada e concerto na igrexa de Meira, e de 11:00 a 14:00 horas terá lugar un rastrillo benéfico na porta da igrexa, cuxa recadación destinarase aos afectados pola dana.
O sábado 28 comezará ás 12:00 horas coa homenaxe a Xosé da Flor, que incluirá un partido de fútbol no campo da Lama e un xantar na Casa de Xosé O Leiro. Durante a tarde e noite dese mesmo día, celebrarase o torneo de baloncesto 3x3 no pavillón de deportes e a representación teatral O auto de Castromil, con Quico Cadaval, na Casa da Cultura.
A programación continúa o domingo 29 ás 20:30 horas co concerto de Nadal da Banda de Música de Meira na Casa da Cultura. Xa no ano novo, o mércores 1 de xaneiro terá lugar o concerto Sálvese quen poida no centro, inmediatamente despois das badaladas. O sábado 4 de xaneiro ofreceranse dous concertos de Abraham Cupeiro, ás 18:00 e ás 20:00 horas na igrexa de Meira, con entradas dispoñibles na oficina de turismo.
O domingo 5 de xaneiro, a tradicional cabalgata de Reis sairá ás 17:00 horas desde a praza do Concello ata o pavillón municipal de deportes. Por último, o sábado 11 de xaneiro, a casa da cultura acollerá a obra teatral Prefiro que me condenen de Margarita Ledo.
A estrela do Nadal será novamente o belén vivente que se celebra o día de Nadal e o de Reis a cargo dos rapaces do colexio.
Toda a programación está organizada polo Concello de Meira en colaboración coas asociacións locais.