Arranca este sábado unha nova edición da Romaxe Artesá da Chaira

TerraChaXa
O Concello de Muras ten previsto celebrar o sábado, día 28 de maio, a sexta edición da Romaxe Artesá da Chaira cun amplo programa.
presentacion romaxe artesa da chaira muras
27 Maio 2022

Todo listo en Muras para celebrar este sábado, día 28 de maio, a sexta edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha festa na que se busca a reivindicación dos oficios tradicionais e sobre todo a dinamización do medio rural como lugar de creación de vida.¡

A romaxe arrancará ás 11.00 horas coas demostracións de artesanos como prato forte da xornada, demostracións que se farán pola mañá, principalmente. Ademais, como en edicións anteriores, haberá talleres para nenos e tamén para adultos.

Non faltará na cita o apartado musical, que estará ao cargo de Xisco Feijóo pola noite pero tamén haberá sesión vermú, a cargo da Charanga Mecánica. Pola tarde os nenos estarán de noraboa coa actuación de Mamá Cabra e xa para todas as idades destaca a de de Buxos Verdes.

Pero non só haberá música, tamén está prevista a actuación dos títeres Monifates, dirixido a público infantil e haberá xogos tradicionais durante toda a xornada a cargo de Xotramu, un regreso moi esperado tras dous anos sen actividade. Para que os visitantes se animen a pasar o día, tamén haberá polbo e varias food trucks con diversas variedades de comidas.

O Concello decidiu optar por esta celebración unha vez que a situación do virus está controlada e tralo éxito acadado o ano pasado, cando si se celebrou esta cita aínda que non máis restricións debido ás limitacións sanitarias.

Esta singular celebración naceu no ano 2016 pola colaboración entre a Asociación de Artesáns da Terra Chá e o Concello de Muras co obxectivo de “axudar a manter vivos os nosos oficios achegándoos a quen valora o feito a man e o legado de séculos que atesoura”.

Se a primeira edición foi un éxito, non faltou este nas seguintes edicións nas que pequenos e grandes atopan un oco para desfrutar da xornada con múltiples actividades.

“É un escaparate aberto para aprender a valorar a beleza dos oficios, con demostracións en vivo dos artesáns chairegos de cómo se traballan tecidos e granito, madeiras, metais, barro e vimbios. Obradoiros sobre cociña e artesanía e charlas sobre emprendemento sostible chaman a atención de moitos e moitas para ouvir de primeira man experiencias que funcionan”, din no Concello.

PROGRAMA

  • 11.00 Apertura da Feira
  • 12.00 Charla de elaboración de cervexa artesá con cata de cervexa Meiga, para 20 persoas.
  • 12.00 Obradoiro para nenos e instrumentos musicais con Xaneco.
  • 13.30 Actuación de Charanga Mecánica
  • 15.00- 16.00 Carpa de artesanía pechada
  • 17.00 Concerto de Mamá Cabra
  • 17.00 Obradoiro de barro para adultos con Carlos San Clodio
  • 18.00 Actuación de títeres Monifates con De festa en festa
  • 19.45-20.15 Actuación das escolas de música e baile tradicional de Muras e Bretoña
  • 20.15-21.15 Actuación de Buxos Verdes
  • 21.30 Actuación de Xisco Feijóo
  • 23.00 Charla Influencia da astronomía na cultura e costumes da Chaira. Interpretación do ceo nocturno, de Marcos López e Paulino Gasalla.
0.1450629234314