Arranca hoxe un Nadal Meirego que contará con pista de xeo, gala benéfica e a actuación de Carlos Blanco

TerraChaXa
Un dos pratos fortes é o Belén vivente, que se representa na igrexa de Santa María os días 25 de xuño e 6 de xaneiro
nadal-meirego-programacion
7 Dec 2025

O Concello de Meira, en colaboración co tecido asociativo local, presentou a programación do Nadal Meirego, un conxunto de actividades culturais, musicais e de lecer que se desenvolverán ao longo de decembro e primeiros días de xaneiro. O obxectivo é ofrecer propostas diversas para todos os públicos e dinamizar o municipio durante as festas.

As celebracións arrancarán hoxe, domingo 7, coincidindo coa feira, cunha representación teatral na Casa da Cultura titulada Blue Island. Un lugar axeitado para criminais. O domingo 14 será a quenda do humor, coa actuación de Isabel Risco en Naviza Girl, tamén na Casa da Cultura. O sábado 20 terá lugar o concerto de Nadal da Escola de Música de Meira, mentres que o domingo 21 a programación incluirá dúas actividades benéficas. Pola mañá haberá un rastrillo benéfico na porta da igrexa a favor de Afalu. Pola tarde, ás 18.00 horas, será a gala benéfica do IES Pedregal de Irimia na Casa da Cultura con entrada a un euro ou un quilo de comida. A recadación irá tamén para Afalu.

O luns 22 os máis pequenos poderán gozar do contacontos infantil A Apalpadora, que se celebrará no Cabanón do Convento ás 20.00 horas. Xa o venres 26 será o humorista Carlos Blanco quen se suba ao escenario da Casa da Cultura coa súa actuación A Penúltima. O sábado 28, ás 20.30 terá lugar un dos actos máis tradicionais destas datas: o concerto de Nadal da Banda de Música de Meira.

O domingo 5 de xaneiro ás 17:00 horas celebrarase a Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas da vila desde a praza do Concello con remate no pavillón municipal de deportes. Ademais, desde o luns 5 ata o domingo 11 haberá pista de xeo no pavillón municipal, con horarios variados e asistencia mediante entradas acompañadas dun adulto.

Un dos pratos fortes do Nadal Meirego é o Belén vivente, que se representa na igrexa de Santa María os días 25 de xuño e 6 de xaneiro, a cargo dos alumnos do colexio.

⚙ Configurar cookies
0.057463884353638