Arranca na biblioteca das Pontes unha nova edición do Reto Lector
O Concello das Pontes, a través da Biblioteca Municipal Enrique Rivera Rouco, pon en marcha a novena edición da iniciativa O Reto Lector, destinada a fomentar a lectura entre os usuarios e usuarias de Biblioteca Municipal e entre toda a veciñanza interesada no mundo da literatura.
“Durante o ano 2024 participaron nesta iniciativa 30 persoas adultas e 105 crianzas o que nos permitiu, no só fomentar o gusto pola literatura se non tamén aumentar o número de préstamos da Biblioteca Municipal, aumentar o número de socios e socias e ademais tivo un impacto positivo en todas as actividades programadas desde a Biblioteca contando cun maior volume de público” apunta Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura.
Os veciños e veciñas que desexen unirse a esta iniciativa, deberán ler, no caso do público infantil, 12 títulos mentres que o público adulto (a partir dos 14 anos) deberán ler 12 libros do catálogo de fondos bibliográficos da Biblioteca Municipal, en ámbolos dous casos haberá unha categoría extra para aqueles lectores e lectoras que rematen o reto e queiran optar a dúas entradas gratuítas para o cinema.
Co obxectivo de facilitar a elección dos títulos, establecéronse varias categorías temáticas que permitirán aos lectores e lectoras organizar as súas lecturas e o seu calendario da forma que lles resulte máis cómoda, sendo recomendable a lectura dun libro ao mes.
As categorías elixidas, no caso do público infantil, son un cómic, un libro sobre o amor ou a amizade, un libro de poesía, un libro cun animal na portada e un libro-disco.
Asemade terán que ler un libro sobre maxia, un libro que fose premiado, un libro sobre natureza, un libro sobre o corpo humano, un libro que teña a nenas como protagonistas, un libro sobre xente no mundo e un libro sobre a familia. No caso da categoría extra haberá que ler un libro adaptado a serie ou a película.
O público adulto terá que elixir 12 títulos, entre eles un cómic, un ensaio, un libro de poesía, un debut literario, un libro dun autor ou autora das Letras Galegas e un libro de relatos.
Tamén terán que ler un título de literatura norteamericana, un libro premiado, un título recomendado polos usuarios e usuarias da biblioteca, un libro escrito por unha muller, un libro local e un libro de misterio. No caso da categoría extra haberá que ler un libro adaptado a serie ou a película.
Co obxectivo de axudar a elixir un título para cada unha das propostas suxeridas, desde a Biblioteca Municipal realizarase unha selección de títulos que estarán a disposición dos lectores e lectoras nos andeis dedicadas ao reto lector. Os lectores e lectoras que logren completar o reto, ao finalizar o ano, recibirán un recoñecemento ao seu compromiso coa lectura.