Arranca nas Pontes unha nova edición do Programa Integrado de Emprego

TerraChaXa
Durante o mes de febreiro impartirase o curso de Iniciación en competencias dixitais básicas (FCOI06), cunha duración de 26 horas, que se desenvolverá do 9 ao 13 de febreiro e conta con 15 prazas
Inicio-Programa-Integrado-de-Emprego
9 Feb 2026

O Concello das Pontes, xunto cos concellos das Somozas e A Capela, pon en marcha durante o mes de febreiro as primeiras accións formativas do Programa Integrado de Emprego de Galicia, unha iniciativa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, co apoio do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e coa cofinanciación dos concellos participantes, orientada á mellora da empregabilidade e á inserción laboral das persoas desempregadas da comarca.

Con motivo do inicio destas accións formativas, Ana Pena, concelleira de Industria do Concello das Pontes, e Martina Aneiros, delegada territorial da Xunta de Galicia en Ferrol, e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na provincia da Coruña, Juan José Couce, visitaron ao alumnado que comezou a súa formación hoxe, interesándose polo desenvolvemento do programa e destacando a importancia deste tipo de iniciativas para facilitar o acceso ao mercado laboral.

Esta nova edición do programa, que se desenvolve ao longo de doce meses, inicia agora o seu calendario formativo cun total de tres cursos deseñados para reforzar competencias clave demandadas polo mercado laboral actual.

Durante o mes de febreiro impartirase o curso de Iniciación en competencias dixitais básicas (FCOI06), cunha duración de 26 horas, que se desenvolverá do 9 ao 13 de febreiro e conta con 15 prazas. Así mesmo, os días 19 e 20 de febreiro levarase a cabo o curso de Manipulador de alimentos (FCOM01), cunha duración de 10 horas e dirixido a un total de 25 persoas participantes. Pechará a programación formativa do mes o curso de Competencias dixitais básicas para o emprego (FCOI07), tamén cunha duración de 26 horas, que terá lugar do 23 ao 28 de febreiro, cun grupo de 15 alumnos e alumnas.

O Programa Integrado de Emprego, cun obxectivo de inserción laboral do 42%, está dirixido a 100 persoas desempregadas, tanto homes como mulleres, pertencentes a colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, entre os que se atopan persoas con discapacidade, en risco de exclusión social, maiores de 52 anos, mozos e mozas menores de 30 anos, mulleres desempregadas, persoas migrantes ou beneficiarias de prestacións e axudas sociais, entre outros perfís prioritarios.

Ao longo do programa, as persoas participantes recibirán orientación laboral personalizada, formación grupal e acompañamento individualizado, traballando contidos como a elaboración de currículum vítae, a preparación de entrevistas de traballo, o desenvolvemento de habilidades sociolaborais, a motivación e a adquisición de competencias profesionais adaptadas ás necesidades do tecido produtivo da contorna.

O orzamento total desta iniciativa ascende a 175.000 euros, dos cales 140.000 euros son achegados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e polo Servizo Público de Emprego Estatal, mentres que os 35.000 euros restantes corren a cargo dos concellos das Pontes, das Somozas e da Capela.

Como medida de apoio á participación, o programa contempla unha bolsa de asistencia de 10 euros por día, así como axudas para cubrir gastos de coidado e atención a persoas dependentes, especialmente menores de entre 3 e 12 anos, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida persoal e formativa.

Co inicio destas accións formativas, o Concello das Pontes reafirma o seu compromiso coa veciñanza, apoiando iniciativas que melloran a capacitación das persoas desempregadas e facilitan a súa inserción laboral, contribuíndo así ao desenvolvemento económico e social da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.080338001251221