Arranca o Entroido en Vilalba cun cambio de escenario debido ás previsións meteorolóxicas

TerraChaXa
Este venres 13 de febreiro terá lugar o desfile de Entroido dos colexios, protagonizado polo alumnado dos centros educativos do municipio
programa-entroido-vilalba
12 Feb 2026

O Concello de Vilalba arranca a programación do Entroido 2026, unha proposta pensada para todas as idades que combina actividades tradicionais, iniciativas dirixidas á infancia e novidades orientadas á participación veciñal e que se prolongará ata o 21 de febreiro.

Así, este venres 13 de febreiro terá lugar o desfile de Entroido dos colexios, protagonizado polo alumnado dos centros educativos do municipio. Debido ás previsións meteorolóxicas cambiouse este para celebrarlo  no pavillón a partir das 11.30 horas. Ao finalizar, os nenos e nenas poderán gozar do espectáculo Circo Funky, incluído no programa Dinamizartj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta e a Fundación Cidade da Enerxía.

As familias poderán entrar na grada para ver o desfile pero logo terán que saír para deixar á cativada gozar da actuación.

O martes 17 de febreiro celebrarase o gran desfile de Entroido, que comezará ás 16:30 horas con saída desde a Estación de Autobuses, percorrendo a rúa Campo de Puente e a rúa da Pravia ata chegar á Praza da Constitución. O desfile contará coa animación do pasarrúas Os Bregadiers, tamén incluído no programa Dinamizartj.

A inscrición para participar no desfile pecha hoxe, ás 14:00 horas, e poderá realizarse enviando un correo electrónico a paula.vigo@vilalba.es. Establécense cinco categorías: individual infantil, individual adulto, grupos, comparsas infantís, comparsas adultas-mixtas; estando dispoñibles as bases do concurso en www.vilalba.gal.

O Concello repartirá máis de 5.000 euros en premios, entre eles os galardóns ao disfrace máis orixinal e ao máis simpático. Así mesmo, repartiranse 500 euros entre as comparsas participantes que non resulten gañadoras, cun máximo de 100 euros por agrupación.

Como novidade desta edición, o sábado 21 de febreiro celebrarase unha verbena de Entroido na Praza da Constitución, a partir das 23:00 horas, coa actuación da Orquestra Gran Parada e DJ de Eventec. O recinto contará con carpa cuberta, calefacción e servizo de barra.

Consulta o programa

⚙ Configurar cookies
0.077964067459106