Chega a undécima edición do Festival de Cine de Roca a partir do xoves
A asociación Xermolos e a veciñanza de Roca celebrará a próxima fin de semana unha nova edición do concurso de curtametraxes do Festival de cine de música de Roca, nesta aldea de Guitiriz. Seguindo a estela do ano pasado, o Festival contará con tres días de aactos, no que é o seu undécimo aniversario.
Así, a inauguración desta décima edición está prevista para o xoves, ás 21.00 horas na Casa Habanera, onde se desenvolverán os actos da primeira xornada. Ademais, está previstas dúas proxeccións, Raúl Rodríguez: 30 años en la frontera e Labrando músicas. Rematará o día coa actuación de Os Canallas ás 23.00 horas.
O venres dará comezo o festival con dúas proxeccións a partir das 20.30 horas e xa nas instalacións da igrexa de Roca. Serán La música nos mueve e Gurumbé: canciones de tu memorira negra, de 2022 e 2016, respectivamente. No medio, ás 21.30 horas actuarán Manu Mariño e José Gómez.
DÍA GRANDE
O sábado será o día grande e comezará a sesión cunha Ruta polo río Requeixo, guiado por Cristina Rodríguez, Bibiana Lorenzo e Roi Cuba con saída da escola de Roca de dez quilómetros.
O pregón terá lugar ás 13.30 horas a cargo de Xosé Antón Bocixa Rei, ao que seguirá a sesión vermú con Toleaches pola peneira, antes de dar pé a unha sesión de xogos tradicionais ás 16.00 horas.
Antes do concurso están previstas outras actividades como a proxección dos filmes Acordamos, e Barullo, a música galega en lingua galega ademais da presentación do libro de fotografía rural Lumes, con Adra Pallón. Xusto antes actuará tamén Gael de Papel.
Este ano preséntanse cinco curtas na categoría de galegas, Volver cantando, Para Kepa, A mirada delas, Leña verde e Son Seivane. Proxectaranse a partir das 22.30 horas.
A continuación darase paso ás proxeccións de curtas internacionais, nas que hai outras cinco aspirantes ao premio: Soc maricó, A palo seco, Eskuen Soinua, Camilo e Lucia: dois coraçoes de um lugar e I want to sing. Procedentes de Cataluña, Andalucía, Euskadi, Brasil e Andorra.
A entrega de premios está prevista pasada a medianoite.
ALDEA DE ROCA
O Festival de Cine de Música en Roca é un proxecto cultural organizado na aldea de Roca, no que durante dous días se proxectan películas, documentais e curtametraxes con temática musical, ó aire libre, e co obxectivo de dinamizala vida cultural da aldea e arredores.
Este proxecto naceu arredor da Asociación cultural Xermolos inspirado na Mostra de Cine de Ascaso.
Este ano debido á magnitude do programa, estableceuse un lugar para acampar.