Arranca o programa BTTeando por Guitiriz visitando a Cova da Serpe

TerraChaXa
As inscricións para a ruta estarán abertas ata o xoves 19 de marzo
ruta-cova-da-serpe
16 Mar 2026

Este domingo, 22 de marzo, comezará a oitava edición do programa BTTeando por Guitiriz, posto en marcha un ano máis polo Concello de Guitiriz e o Club Btteiros Cova da Serpe. O programa de balde, que este ano contará con seis rutas, inaugurarase coa chegada da primavera coa Ruta da Cova da Serpe.

A saída está programada ás 10:00 horas desde a Escola das Negradas, cun percorrido aproximadamente de 20 quilómetros e 300 metros de desnivel. Durante o itinerario, as persoas participantes ascenderán ata a Cova da Serpe, un dos puntos máis altos da contorna e un lugar rodeado de lendas populares. Posteriormente, o grupo regresará ata a Escola das Negradas por distintos camiños da contorna da montaña.

As inscricións para participar nesta primeira ruta estarán abertas ata o xoves 19 de marzo a través dun formulario web dispoñible na páxina web e nas redes sociais do Concello de Guitiriz e do Club Btteiros Cova da Serpe, así como escaneando o código QR que aparece no cartel da actividade.

Desde a organización lembran que é obrigatorio o uso de casco para participar na ruta e recomendan ás persoas asistentes levar auga e algunha peza de froita.

0.11620497703552