Arrancan as actividades deportivas en Guitiriz con máis de 450 inscritos

TerraChaXa
O Concello volve ofrecer unha ampla variedade de propostas para todas as idades
ioga-guitiriz
24 Sep 2025

O Concello de Guitiriz volve poñer en marcha este ano a programación das Escolas Deportivas Municipais cunha das ofertas máis completas e variadas da comarca. En total, son 460 veciños e veciñas os que xa se anotaron nas diferentes propostas, confirmando o bo nivel de participación e o interese que esperta o deporte no municipio chairego.

O programa combina disciplinas clásicas como o fútbol sala ou a ximnasia rítmica con outras opcións como patinaxe, pilates, ioga, zumba, aerobic, step, ximnasia para adultos, pádel, tenis de mesa, tiro con arco, atletismo e campo a través.

“O obxectivo destas escolas non é só promover hábitos de vida saudables, senón tamén favorecer a convivencia, o benestar físico e emocional e o desenvolvemento persoal”, explica o concelleiro de Deportes, Iván Morado, quen salienta ademais que “unha programación ampla e diversa garante que todas as persoas, independentemente da idade, poidan atopar unha actividade adaptada ás súas necesidades”.

A distribución horaria e territorial é outro dos puntos fortes. As actividades repártense entre Guitiriz e Parga, ofrecendo diferentes quendas de mañá e de tarde para facilitar a conciliación, sobre todo no caso das persoas adultas. Así, por exemplo, o pilates conta con sete grupos semanais entre Guitiriz e Parga, mentres que a ximnasia para maiores tamén se imparte tanto no centro de Guitiriz como na Escola das Nenas de Parga.

No apartado infantil e xuvenil, a programación é igualmente diversa. O fútbol sala continúa a ser unha das disciplinas máis demandadas, con equipos en categorías que van desde biberón ata cadete. Xunto con el, gañan peso propostas como a ximnasia rítmica, o pádel ou a patinaxe, que xa están plenamente consolidadas. Un claro exemplo disto é o pádel, que conta con seis grupos diferentes.

Ademais, a rapazada pode escoller outras modalidades como zumba infantil, tenis de mesa, tiro con arco e atletismo/campo a través, estas dúas últimas grazas á colaboración do Club de Atletismo Guitiriz e do Club de Tiro con Arco Guitiriz. “O apoio dos clubs locais é fundamental, xa que permiten ampliar a oferta e achegar novos deportes á veciñanza”, recoñece o concelleiro.

O custo da inscrición é de 15 euros ao mes por actividade e 10 euros por matrícula, con descontos para quen participe en varias disciplinas, para familias numerosas e para familias con baixos recursos.

⚙ Configurar cookies
0.10336399078369