Arrancan as festas en Castro Ribeiras de Lea o venres cunha churrascada

Castro Ribeiras de Lea celebrará as festas na honra a San Roque e ao Doce Nome de María os días 8, 9, 10 e 11 de agosto, cun programa cheo de música, tradición e actividades para todas as idades.
As festas comezarán o venres 8 de agosto cunha churrascada veciñal ás 22:00 horas, para a que será imprescindible presentar o tícket, que ten un prezo de 20 euros, e continuará cunha verbena a cargo da orquestra Compostela e discoteca móbil. O menú inclúe ademais da carne, pan e sobremesa e debe reservarse antes do propio venres.
O sábado 9 actuará a agrupación Os Valuros, celebrarase a misa solemne e procesión, e a verbena correrá a cargo da orquestra Alianza e da recoñecida Panorama, combinada con xogos e animación para os máis pequenos. O domingo 10 de agosto haberá pasarrúas coa charanga 555, misa solemne, pregón a cargo de Don José Carlos Martín, xogos e festa da escuma, toro mecánico e inchables, e a verbena da noite estará a cargo das orquestras Acordes e Los Satélites, coa tradicional sesión de fogos artificiais á unha e continuación da verbena ata altas horas.
O luns 11 pecharanse as festas con misa solemne e procesión, sesión vermú coa orquestra Escaparate e a verbena final que contará coa actuación de París de Noia, que ofrecerá o seu espectáculo acompañados tamén de Escaparate e Hermos Disco Truk. Durante esta xornada haberá degustación de produtos de razas autóctonas dentro do programa Un Gusto de Rural.
A comisión de festas agradece a colaboración do Concello de Castro de Rei, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e Boaga, así como á veciñanza e empresas que fan posible a celebración destas festas.