Arrancan as obras de dous tramos do cinto comarcal en Begonte e Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
A institución provincial mellorará na LU-P-1611 un treito de preto de dous quilómetros á altura da parroquia begontesa de Felmil; e outro de algo máis de tres quilómetros na parroquia castrense de San Xiao de Mos
obras-cinto-comarcal-begonte-e-castro-de-rei
11 May 2025

A Deputación de Lugo vén de comezar as obras en dous novos tramos do cinto comarcal, a LU-P-1611, que afecta en total a algo máis de cinco quilómetros ao seu paso polos concellos de Begonte e Castro de Rei. Unhas obras nas que a institución provincial inviste máis de 375.000 euros.

Concretamente, mellorará un treito de preto de dous quilómetros á altura da parroquia begontesa de Felmil, entre os quilómetros 71,700 a 73,165; e outro de algo máis de tres quilómetros, entre o punto quilométrico 78,620 e o 81,800 ao seu paso pola parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei.

Os traballos, que desenvolve a empresa Cholo SL, consisten na mellora da drenaxe, fresado da vía, estendido do aglomerado en quente e reposición da sinalización. Neste caso, a empresa tamén inclúe un aumento do prazo de garantía a tres anos e reducirá o tempo de execución a tan só un mes.

Esta actuación no cinto comarcal ten unha importancia fundamental, xa que esta estrada xoga un papel clave nas comunicacións da provincia. De feito, a Deputación leva investido en torno ós 3,65 millóns de euros nesta vía nos últimos anos, un esforzo inversor importante tendo en conta que se trata dunha infraestrutura cunha características máis propias dunha titularidade autonómica polos concellos que conecta e os seus máis de 131 quilómetros.

⚙ Configurar cookies
0.11167502403259