Arrancan cunha liscada as festas en Baamonde esta fin de semana

Baamonde prepárase para celebrar as súas festas na honra á Virxe do Rosario os días 12, 13 e 14 de setembro. A localidade begontina vivirá unha intensa fin de semana chea de música, tradición e convivencia veciñal, cun programa que combina actos relixiosos e grandes verbenas.
As celebracións arrancarán o venres 12 cunha liscada popular gratuíta ás 21:30 horas, á que seguirá a gran verbena a cargo do grupo Kalima 3.0 a partir das 23:00 horas. O sábado 13 terá lugar a misa solemne ao mediodía, seguida da sesión vermú amenizada polo Dúo Charada. Pola noite, a partir das 23:00 horas, a festa continuará cunha gran verbena na que participarán o propio Dúo Charada e a orquestra Los Satélites.
O domingo 14 comezará ás 13:00 horas coa misa solemne e unha megasesión vermú a cargo do Dúo Epo-K. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas, a mesma formación será a encargada de poñer o broche final cunha gran verbena.
As festas da Virxe do Rosario de Baamonde contan coa colaboración do Concello de Begonte, a Xunta de Galicia e numerosas empresas e entidades da comarca, converténdose unha vez máis nun punto de encontro festivo e cultural para veciños e visitantes.