Arrancan este sábado as XX Xornadas Interxeracionais Rurais de Cabreiros
Cabreiros celebrará este ano unha edición moi especial das Xornadas Interxeracionais Rurais, xa que estas chegan á súa XX edición a partir do 25 de maio.
Os actos iniciaranse ás 10.30 horas co acto de inauguración para dar paso ás charlas. A primeira será a celebración do Día das Letras Galegas, dedicado a Luisa Villalta. A decana María L. Sández ofrecerá a ponencia Luisa Villalta. A ave cantora das Letras Galegas 2024. Será ás 11.00 horas para, unha despois, comezar unha actividade do colexio de Xermade, a representación do relato O atasco. Estará ao cargo dos alumnos de 6º. Completarase o programa coa lectura de textos da homenaxeada e, tralo xantar, haberá unh vista libre á Romaxe Artesá da Chaira, de Muras.
As Xornadas Interxeracionais continuarán o sábado 1 de xuño ás 10.30 horas cunha charla coloquio sobre a Festa e a cohesión social no rural galego poñendo como exemplo o caso de Santa Mariña. Ás 12.15 está prevista a presentación do proxecto Palcos, que fixo unha investigación sobre os palcos de música de Galicia.
A sesión de tarde consistirá nunha mesa coloquio para falar das festas en Xermade e rematarán co celebración dos 209 anos das xornadas, que consistirán nun obradoiro de baile e unha foliada a cargo dos grupos de música tradicional Axóuxere, No Cómbaro e Buxos Verdes.
A seguinte cita será o 8 de xuño coa primeira sesión dedicada á fauna salvaxe a cargo do biólogo Óscar Chao Penabad.
A continuación farase a presentación dos traballos premiados na X edición do Xermade na Historia, ás 12.00 e convocarase unha nova edición.
Tralo xantar haberá dobre sesión. Ás 17.00 horas farase a presentación do proxecto de participación cidadá co título XERando, para a xeración e aforro de enerxía. Rematarán coa presentación do libro de poesía de Suso López Non aparecen as bicis.
O 14 de xuño será a sesión de clausura, ás 11.00 no colexio de Xermade, cunha conversa coa AGXPT sobre o xogo tradicional, para despois desfrutar dunha xornada de xogos nenos e maiores.