Arrancan este xoves as actividades de Samaín en Vilalba

TerraChaXa
Estas inclúen o tradicional concurso de cabazas, túnel do terror, inchables, actuacións e gastronomía chairega
samaiun-en-vilalba
30 Out 2024

A programación infantil do Concello de Vilalba para a celebración do Samaín comeza o xoves, 31 de outubro, coa actuación de Pakolas e Laura Romero, quen traerán ao Auditorio Municipal o seu espectáculo Ramona Órbita. Cores, contos e rock, no que contan a historia de Ramona Órbita, unha muller agricultora da Serra do Courel, que ten un ciberhorto con patacas automáticas, e tamén unha máquina do tempo, o seu mellor invento.

Un espectáculo dirixido ao público familiar e encadrado no programa Dinamiz-ARTj, promovido polo Instituto para a Transición Xusta (ITJ) e a Fundación Cidade da Enerxía (Ciuden).

Ao día seguinte, o venres 1 de novembro, será a Praza da Constitución o epicentro da celebración infantil do Samaín, onde terá lugar o xa tradicional concurso de cabazas. Nesta edición a competición dividirase en dúas categorías: infantil, para menores de 12 anos, e familiar, para familias nas que cando menos terá que haber un membro con menos de 12 anos.

Así pois, os participantes poderán facer entrega das súas cabazas dende as 11.00 ata as 13.00 na Praza da Constitución, onde durante toda a tarde estará instalado o túnel do terror e varios inchables dirixidos ao público infantil e xuvenil.

Ademais, as persoas que se acheguen ata á Praza durante a tarde tamén poderán gozar dunha merenda gratuíta a base de filloas, elaboradas en directo polas filloeiras de Muimenta.

Finalmente, a celebración infantil do Samaín pecharase coa entrega de premios do concurso de cabazas, ás 19.00 tamén na Praza da Constitución. Ámbalas dúas categorías contarán con primeiro, segundo e terceiro posto, os cales recibirán un diploma e un agasallo.

Ademais, terá lugar un programa nocturno do Samaín. Unha serie de actividades lúdicas, que darán inicio ao remate da programación infantil, co fin de ofertar ó público xuvenil e adulto unha festa á altura dunha data tan especial.

Ás 21.00 horas terá lugar a procesión da Santa Compaña e media hora despois será a quenda do concerto das Lambe Lambe. Ás 22.15 horas terá lugar a actuación de Saraghallada. E dende as 19.30 os asistentes poderán gozar dun posto de filloas.

0.17331695556641