Arrancan os traballos previos para a construción do novo colector en Guitiriz

O Concello de Guitiriz e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) poñen en marcha un ambicioso proxecto de renovación do colector paralelo á vía do ferrocarril, cun investimento total de 2,5 millóns de euros. Así, comezaron os traballos previos á construción, centrados na medición de terreos por parte dos técnicos da Confederación e na limpeza de determinadas zonas polas que discorre o actual colector.
Este proxecto enmárcase nun protocolo de colaboración asinado pola alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, que establece as bases para o financiamento, a disposición dos terreos, a execución das obras e a súa entrega final. A actuación responde á grave deterioración que presenta o colector interceptor actual, paralelo á vía do tren, que se atopa en moi mal estado de conservación e permite a entrada de auga limpa na rede de saneamento, dificultando o funcionamento axeitado da depuradora.
Unha inspección realizada no ano 2020 mediante cámara de vídeo revelou importantes infiltracións e confirmou a inviabilidade da súa reparación, polo que se optou pola construción dun novo colector. Este novo tramo, cunha lonxitude de aproximadamente 1.500 metros, partirá das proximidades do apeadeiro e chegará ata a entrada da EDAR.
A intervención, cofinanciada pola CHMS, organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, ten como obxectivo mellorar a calidade das augas e dos ecosistemas fluviais que actualmente se ven afectados polas deficiencias do sistema de saneamento. O Concello informa de que calquera veciño ou veciña que teña dúbidas ou cuestións sobre os traballos pode contactar no teléfono 982 370 109.