Arrancará o día 9 a XII edición do concurso de tapas Que bo estás Guitiriz

O vindeiro luns, 9 de marzo, arrincará a duodécima edición do concurso de tapas Que bo estás Guitiriz. O certame, organizado un ano máis pola Asociación de Hostalería de Guitiriz Debares, estenderase durante 7 días ata o domingo 15 de marzo.
Nesta edición participarán un total de sete locais repartidos pola vila. Os establecementos e as súas propostas gastronómicas son os seguintes: Restaurante O Korreo (Coral sobre Nácar), Café Pub SOA (Kino Dulzón), Casa Nistal (Morocha do Mar), A Capela (Freixón Tropero), Balneario de Guitiriz (Tataki de Suprema), Hostal La Casilla ("Operación Bikini"), e O Galo Checo (#Queninpintada).
O horario oficial para poder degustar as tapas será tódolos días de 20:00 a 23:00 horas. Cada unha das tapas terá un prezo de 3 euros, mentres que o custo será de 4,50 euros se se desexa acompañar co viño oficial do concurso.
A clientela atopará nos propios locais as cartillas de participación. Tras consumir e aboar a tapa, o establecemento deberá selar a súa casiña correspondente. Para que os votos emitidos sexan válidos e para poder optar aos premios económicos, as persoas participantes necesitarán ter selado o total dos sete establecementos.
O sistema de votación irá do 1 (nota mínima) ao 10 (nota máxima). Á hora de puntuar, deberase valorar especialmente o servizo, a presentación e o sabor da tapa.
As persoas que completen a ruta poderán depositar as súas cartillas nas furnas habilitadas nos locais, podendo participar tantas veces como desexen. Entre todos os participantes sortearanse tres premios: un primeiro de 500 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 50 euros.
As furnas retiraranse o domingo 15 de marzo ao rematar o horario oficial do concurso. Posteriormente, o mércores 18 de marzo, o Café Pub SOA acollerá o reconto público de votos, onde se nomearán as tapas gañadoras por votación popular e sortearanse os premios entre os clientes.