Arrancou a Festa da Malla en Castro de Rei coa sega

O concello de Castro de Rei continuará coa celebración da Festa da Malla, na que é a XXII edición.
Como sempre, a festa dividirase en tres xornadas. A primeira, a sega, tivo lugar o sábado 26 de xullo, en xornada de mañá coa participación de veciños e membros da asociación.
A seguinte xornada terá lugar o 10 de agosto coa meda, que dará comezo ás 11:00 horas no campo da feira de Castro de Rei coincidindo coa feira quincenal.
Para rematar, o domingo, 17 de agosto, regresa a malla, día principal da festa, que comezará ás 10:00 horas no campo da feira. Ao mediodía será o xantar popular amenizado polo dúo Meritxell.
Un ano máis esta festividade está organizada pola Asociación Amigos da Feira, que leva desde o principio ocupándose desta festa coa que se intenta recuperar unha tradición agraria da zona.
As previsións estiman unha participación de 600 persoas, que é o número habitual das últimas citas.
O menú do xantar deste día está composto por empanada, cachola, chourizo, sardiñas, membrillo, queixo, pan, bebida e café. O prezo da tarxeta é de 18 euros e este ano ademais, por petición popular, haberá tarxetas para nenos e nenas de ata 12 anos por 9 euros.
As tarxetas poden mercarse ata o xoves 14 de agosto no Supermercado Claudio Grueira, Germán Naval Lage e Librería Maduca. As prazas son limitadas.