Arrancou o Nadal na Pastoriza co acencido das luces e un programa que comezará con varios obradoiros


O Concello da Pastoriza deu a coñecer a programación especial de Nadal, un calendario cheo de actividades culturais, lúdicas e festivas dirixidas a público de todas as idades e repartidas entre diferentes parroquias do municipio. A programación estenderase ata o 5 de xaneiro, combinando talleres, espectáculos, visitas especiais e celebracións tradicionais.
Os actos comezaron o 1 de decembro co tradicional acendido das luces de Nadal, que marcou o inicio oficial das festas no concello. A partir do día 12 iniciaranse os distintos talleres de manualidades, que se desenvolverán ao longo de varias xornadas en diferentes locais sociais: o día 12 en Pousada, o 16 en San Martiño de Corvelle, o 17 no Teleclube de Bretoña, o 18 no Teleclube da Rigueira e o 19 na escola de San Cosme de Piñeiro. Todos eles terán lugar en horario de tarde, entre as 16:00 e as 19:00 horas.
O día 22 de decembro celebrarase a saída xuvenil Xuvenlugo, cunha viaxe programada que partirá ás 15:00 horas e regresará ás 20:00 horas. O 23 de decembro será un dos días máis destacados coa visita de Papá Noel, que será recibido ás 16:00 horas na praza do Concello antes de desprazarse ata a antiga ladrilleira acompañado da agrupación Tambukada. Haberá actuación de DJ, merenda e agasallos para a cativada, así como un mercadiño de Nadal organizado pola ANPA do CEIP O Salvador.
O Concello continuará coa súa programación o 26 de decembro, cando o mago David Méndez ofrecerá un espectáculo infantil ás 16:30 horas no salón de actos do Concello. O día 27 de decembro celebrarase a festa de Pre Fin de Ano, organizada por ASAPA e pola Asociación Cultural Miño Vivo.
Xa en xaneiro, o día 2 terá lugar no pavillón de Bretoña o espectáculo A fuego lento, previsto para as 16:30 horas. A programación culminará o 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis, que inclúe unha visita das súas Maxestades á residencia Fundación San Rosendo ás 11:30 horas. Pola tarde, ás 16:00 horas, os Reis Magos saudarán á veciñanza desde o balcón do Concello e continuarán o percorrido ata o local social da antiga ladrilleira. Alí celebrarase unha festa con actuacións do grupo de música e baile tradicional da Pastoriza, reparto de agasallos para nenos e nenas, roscón de Reis e chocolate para todos os asistentes, ademais dun baile amenizado polo DJ Eventec.
Con esta programación, A Pastoriza aposta por un Nadal participativo e diverso, pensado para dinamizar as parroquias e ofrecer espazos de encontro para toda a veciñanza.
O Concello lembra que o buzón especial dos Reis Magos e Papá Noel está situado na Casa Consistorial e os nenos poderán acudir ao mesmo para depositar as súas cartas.