Arrancou o programa de Nadal de Cospeito co acendido do alumeado este xoves
O Concello de Cospeito ten en marcha o programa Lecernadal 2024, unha completa axenda de actividades para celebrar o Nadal en comunidade, con eventos que se desenvolverán entre decembro e principios de xaneiro en distintos puntos do municipio. A programación inclúe actividades culturais, lúdicas e familiares, co obxectivo de ofrecer propostas para todas as idades e fomentar a participación veciñal.
O arranque do Lecernadal tivo lugar o xoves 12 de decembro ás 20:00 horas co tradicional acendido do alumeado de Nadal e a apertura da Casa de Papá Noel, nun acto cargado de maxia e espírito festivo. O venres 13, tamén ás 20:00 horas, celebrarase o II Festival Benéfico de Nadal dos Asubiíños da Chaira no CPI Virxe do Monte, combinando solidariedade e música.
O sábado 14, ás 16:00 horas, o Museo das Aves acollerá a presentación dos libros gañadores do VI Certame Torre de Caldaloba, unha cita que destaca a promoción da literatura e da cultura local. A festa continuará o domingo 22 de decembro na casa da cultura da Feira do Monte, entre as 17:00 e as 20:00 horas, coa Festa de Nadal organizada pola ANPA do CPI Virxe do Monte.
Un dos momentos máis agardados será o luns 23 de decembro, cando Papá Noel visitará Cospeito. Entre as 10:30 e as 13:30 horas, na casa da cultura da Feira do Monte, os pequenos poderán coñecelo e participar nun karaoke con panxoliñas. O sábado 28, entre as 11:00 e as 13:00 horas, haberá un obradoiro de sobremesas de Nadal, organizado pola ANPA do CPI Virxe do Monte, mentres que ás 20:00 horas dese mesmo día celebrarase un gran concerto de Nadal coa participación da Coral Polifónica de Abadín, Burela e a Coral Polifónica Municipal Virxe do Monte.
O luns 30 de decembro, entre as 9:00 e as 14:00 horas, está prevista unha saída a Xuvenlugo, para a cal é necesario inscribirse antes do 19 de decembro. Xa co novo ano, o venres 3 de xaneiro, ás 18:00 horas, estrearase na casa da cultura da Feira do Monte a proxección do documental Caldaloba.
A programación culminará o domingo 5 de xaneiro coa tradicional Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas do municipio para rematar ás 17:30 horas no Pavillón Municipal da Feira do Monte. Nesta última cita, haberá animación con inchables e chocolate con churros para deleite de pequenos e maiores.
O evento é organizado polo Concello de Cospeito en colaboración con diversas asociacións locais como Mulleres Rurais Cousas Nosas e a Asociación Recreativa e Cultural de San Martiño de Pino, garantindo unha oferta festiva ampla e variada que celebra o espírito do Nadal.