A Pancha, a moeda local de Ribadeo, estará en curso ata o 5 de maio

TerraChaXa | AMariñaXa
3 Abr 2019

A concelleira de Comercio, Ana Martínez, lembra que a partir do xoves desta semana, 4 de abril, poderanse canxear nas oficinas de ABanca en Ribadeo 30 euros por 40 panchas para poder gastar nos establecementos adheridos á campaña da moeda local. As panchas poderán empregarse entre o 5 de abril e o 5 de maio. Son 1.000 packs os que se poñen en circulación. Ana Martínez anima ao comercio local a inscribirse, aínda poden facelo ata este mércores e invita tamén á xente de Ribadeo e de fora da vila a participar nesta importante campaña que moverá 40.000 euros para gastar no comercio local durante un mes.
A edil dixo que “dende o Concello de Ribadeo queremos lembrar que nesta semana, a partires do xoves 4 se poderán adquirir en ABanca, os packs da Pancha, a nosa moeda local, que estará en curso desde o 5 de abril ata o 5 de maio, por un valor total de 40.000 euros para poder gastar no comercio local de Ribadeo, e que se poñerán á venda nun total de 1.000 packs”.
Ana Martínez subliñou que “serán unicamente 1.000 packs os que estarán dispoñibles, que no momento que se esgoten xa non se poderán adquirir máis, e polo tanto eu penso que é interesante que a xente que estea pensando en como adquirir esta moeda o vaia tendo en conta. A partires do día 4, xoves, nas oficinas de ABanca estarán dispoñibles os 1.000 packs nos que cada un de nós pagaremos 30 euros e poderemos recibir 40 panchas. Son 10 euros de regalo que se adquiren ao comprar as panchas. Como digo poderá facerse en ABanca, estarán dispoñibles ata que se esgoten e poderán gastarse desde o venres 5 de abril ata o 5 de maio, nos máis de 50 comercios adheridos ata día de hoxe en Ribadeo. Aínda hai establecementos que están a piques de adherirse, polo tanto entendo que a cifra será superior, e recordar a todos eses comercios que aínda non trouxeron a documentación, pero que si nos comunicaron o seu interese en participar neste programa da moeda local Pancha, a nosa moeda de Ribadeo, que o poden facer ata o día 3”.
A concelleira de Comercio e Turismo quere “animarvos a que esteades xa preparando esa posibilidade de adquirir a Pancha e a vir a Ribadeo a gastar e comprar no mellor comercio local”. Esta campaña está organizada polo Concello coa colaboración de Acisa e ABanca.

0.16304421424866