Arrinca a Campaña de Verán 2025 do comercio local de Vilalba

TerraChaXa
Algúns comercios sumarán á iniciativa premios extra, como vales, descontos ou agasallos exclusivo
campana-comercio-local
10 Jul 2025

A Asociación de Empresarios de Vilalba pon en marcha a súa Campaña de Verán 2025, unha iniciativa que busca dinamizar o comercio local e premiar a fidelidade da clientela durante os meses de verán. Este ano, a campaña chega con novidades, coa distribución de 1.500 bolsas de tea (tote bags) entre os 50 comercios participantes.

A partir do 10 de xullo, todas as persoas que realicen unha compra mínima de 10 euros nos establecementos adheridos recibirán unha destas bolsas promocionais, ata esgotar existencias.

A campaña inclúe tamén unha sorpresa especial: unha das bolsas estará marcada cunha discreta X vermella nunha das asas e a persoa que a atope poderá desfrutar dunha experiencia nas Burbullas de Luzada. Ademais, realizarase un sorteo adicional nas redes sociais para seguir premiando á clientela.

Algúns comercios sumarán á iniciativa premios extra, como vales, descontos ou agasallos exclusivos, que estarán distribuídos de forma aleatoria nas bolsas entregadas, engadindo máis emoción á campaña.

A Campaña de Verán está organizada pola Asociación de Empresarios de Vilalba, coa colaboración e cofinanciamento da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia e da Concellería de Comercio do Concello de Vilalba, reafirmando o compromiso con impulsar o comercio de proximidade e favorecer a dinamización económica do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.16443300247192