Arrinca a Liga de Tenis de Mesa
A fin de semana deu comezo a Liga regular de tenis de mesa en todas as súas categorías, así o club local o TDM Vilalba, que este ano conta cun equipo en Primeira Galega, o TDM Basanta Souto, e outro en Segunda, o TDM Limpezas García, botaron a andar.
O TDM Basanta Souto disputou a súa primeira xornada como local e contra o Club do Mar da cidade herculina. Fixo este encontro honra á súa expectación e resolveuse por un 4-3 a favor dos visitantes, resultado moi apertado xa que se puido levar os puntos calquera dos dous equipos. Empezaron puntuando os locais coa vitoria de Javier Trastoy, despois impuxéronse os visitantes a Cesareo e Ton, pero logo, un gran encontro de dobres fixo que os locais empataran o partido 2-2. De seguido, Carlos conseguiu outro punto para os visitantes que os colocaba con vantaxe, pero no seguinte partido Ton lograba de novo o empate a 3-3.
Quedando todo para o último encontro que enfrontaba a Cesareo e Hugo, e facendo bo o refrán que non hai peor cuña que a da mesma madeira, pois ata a tempada pasada Hugo pertencía ao club chairego, impúxose e conseguiu o punto definitivo que desfacía o empate.
O equipo de Segunda galega empezou a Liga descansando ao non haber máis ca once equipos na categoría do grupo Norte.
A próxima xornada os dous equipos xogarán como visitantes así o TDM Basanta Souto desprázase a Ribadeo e o TDM Limpezas García desprázase a Oleiros, esperando resultados positivos para encauzar a Liga.