Arrinca o obradoiro Pontes de Emprego III
O Concello das Pontes inaugurou, esta mañá, o obradoiro de Emprego “Pontes de Emprego III”, un programa mixto de emprego e formación dirixido á obtención do certificado de profesionalidade en confección e publicación de páxinas web.
Trátase do terceiro obradoiro de emprego que o Concello das Pontes pon en marcha, coa colaboración da Iniciativa de Emprego Xuvenil da Consellería de Economía, Industria e Emprego e o Fondo Social Europeo, co obxectivo de mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das mozas e mozos, menores de 30 anos, da vila.
Durante o acto de inauguración do obradoiro de emprego, a concelleira de Turismo, Hostalaría, Comercio e Emprego, Ana Pena, deu a benvida ós 4 docentes e 12 alumnos que durante seis meses participarán nesta acción formativa e animounos a “aproveitar esta oportunidade para mellorar a vosa cualificación de cara a vosa futura incorporación nun sector en auxe, cun alto volume de demanda de profesionais, que medra ano tras ano”.
A edil tamén anunciou a intención do goberno local de continuar con esta liña de traballo, apostando pola formación para darlle acceso ós veciños a novas saídas laborais. “Mantemos o noso compromiso de procurar e promover o desenvolvemento, na nosa vila, de todas aquelas iniciativas que poidan contribuír a mellorar a empregabilidade. Continuaremos usando todas as ferramentas que temos ó noso alcance para impulsar a competitividade laboral dos nosos mozos e mozas”
O obradoiro Pontes de Emprego III ten unha duración de 874 horas durante as cales os alumnos, ademais de formación teórica e práctica sobre deseño de estrutura web, tratamento de etiquetas e marcas, creación de plantillas e formularios e alta de páxinas en buscadores, recibirán formación complementaria en materia de riscos laborais, sensibilización en igualdade de xénero, sensibilización ambiental. O alumnos tamén serán asesorados laboral e empresarialmente durante toda a duración do obradoiro e aprenderán nocións básicas sobre procura activa de emprego.
O orzamento deste obradoiro e de 145.696, 50 euros, dos cales 30.000 euros son aportados polo Concello das Pontes.