Arrinca o plan de aforro enerxético Ilumin@ da Deputación
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos coas empresas adxudicatarias os contratos de subministro e instalación de material do Ilumin@, o que permitirá arrancar mañá mesmo a execución deste plan de aforro enerxético provincial, ao que decidiron adherirse 38 concellos.
O contrato foi adxudicado en preto de 530.000€ e divídese en tres lotes, cada un por unha zona xeográfica da provincia. Para o Lote 1, Tomé Roca asinou con Manuel Novoa Castro, representante da empresa Manuel Novoa Castro S.L.U., un contrato por importe de 174.011,43€ para os concellos de Meira, Burela, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, Ourol, Mondoñedo, Xermade, O Vicedo, Ribeira de Piquín, Alfoz, Trabada, O Valadouro e Vilalba.
No caso do Lote 2, o contrato ascende a 186.085,9€ e correspóndese cos municipios de Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Friol, Guntín, Láncara, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Rábade. O presidente asinou con José Ramón Irimia Seijas, representante da empresa Hallman Energie S.L.
Pola súa banda, Tomé Roca asinou o contrato con Santos Héctor Díaz Pérez, representante da empresa Cyme Santos Héctor, S.L. por 166.980€. Este refírese ao Lote 3, que aglutina aos concellos da Pobra do Brollón, As Nogais, Carballedo, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Samos e Sober.
O plan Ilumin@
O Plan Ilumin@ está dotado con 723.000€, dos que o 80% son fondos europeos que a Deputación conseguiu a través do IDAE (Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético), un organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.
Con este plan, os 38 concellos da provincia que decidiron adherirse cambiarán en total unhas 3.200 luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que supoñerá un aforro conxunto de 62.000€ ao ano, isto é, ata un 63% da facturación eléctrica das instalacións municipais nas que se actuará, fundamentalmente alumeados públicos exteriores.
Ademais, a tecnoloxía LED permitirá reducir o consumo nun total de 450.000 quilovatios ao ano, o que minimizará tamén a pegada de carbono.
O plan Ilumin@ forma parte do obxectivo estratéxico da Deputación de cooperar cos municipios para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente.