Arroxo presenta nas Regas o plan de taxi a demanda para mellorar o transporte no rural de Lugo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Tenente Alcalde continúa a rolda de reunións coa veciñanza dos núcleos rurais onde se porá en marcha un servizo pioneiro que conectará as parroquias coa cidade con rutas predefinidas e a prezo similar ao do bus urbano
LUGO taxi rural
16 Nov 2025

O Tenente Alcalde e concelleiro de Mobilidade do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo un encontro coa veciñanza das Regas, un dos núcleos rurais nos que a Tenencia de Alcaldía prevé poñer en marcha o plan piloto de taxi a demanda. A xuntanza enmárcase nun calendario de reunións informativas coas parroquias nas que se implantará este novo sistema de transporte público.

Arroxo explicou que Lugo pode converterse na segunda cidade do Estado que conte cun servizo estruturado de transporte público a demanda no rural, permitindo que as persoas que viven en parroquias sen liñas de autobús poidan reservar un taxi para desprazarse á cidade cun custo reducido e equiparable ao do bus urbano.

Segundo detallou o edil de Mobilidade, o taxi a demanda funcionará de maneira semellante a unha liña de autobús urbano. Estableceranse rutas e paradas fixas que conectarán os distintos núcleos rurais coa cidade e os servizos activaranse só cando a veciñanza faga a súa petición con antelación, a través dunha plataforma específica ou dos canais que habilite o Concello.

O responsable municipal lembrou que o bus urbano non pode dar servizo ás 54 parroquias do termo municipal, polo que este sistema pretende ofrecer unha alternativa de mobilidade pública ás persoas que viven no rural, facilitando os seus desprazamentos para ir ao médico, ao centro de traballo, facer compras ou acceder a servizos básicos. 'Poñeremos en marcha un servizo para que a veciñanza, baixo demanda, poida facer os seus desprazamentos, xa que o bus urbano non pode chegar ás 54 parroquias', subliñou.

Para facer posible o plan piloto, a Tenencia de Alcaldía está a actualizar a ordenanza do taxi, un texto con máis de dúas décadas de vixencia que se adaptará á normativa galega aprobada en 2018. A nova regulación permitirá que o sector do taxi poida concorrer á licitación do servizo de transporte a demanda unha vez se complete o procedemento administrativo, que inclúe a aprobación inicial no Pleno, o visto e prace da Xunta de Galicia e a aprobación definitiva de novo no Pleno municipal.

Arroxo incidiu en que a redacción da nova ordenanza se está a facer en diálogo co propio sector, a través de múltiples reunións coas asociacións de taxistas, e lembrou que Lugo e Pontevedra son, a día de hoxe, as cidades galegas que máis avanzado teñen este modelo de transporte público a demanda. 'Sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible', concluíu o Tenente Alcalde.

⚙ Configurar cookies
0.068653106689453