As administracións reaccionan ao ERE anunciado por Alcoa
O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo vén de responder ao comunicado feito por Alcoa sobre a súa intención de executar o ERE anunciado e, por conseguinte, o despedimento de 524 traballadores da planta lucense de San Cibrao.
"Alcoa é a única responsable do fracaso nas negociacións de venda da planta de San Cibrao. Polo tanto, o Goberno considera que a dirección de Alcoa empuxa aos traballadores e ás administracións a un conflito innecesario xa que había solucións para alcanzar un acordo de compra-venda", di o Ministerio.
Así, reiteran o seu malestar polo feito de que Alcoa abandonase a negociación non respondendo á proposta do Goberno de que sexa a SEPI a que actuase de intermediaria para a venda da planta a Liberty House.
"Os traballadores, as súas familias e a comarca da Mariña teñen o apoio do Goberno, que seguirá traballando para lograr unha solución que manteña o emprego e as capacidades industriais en Lugo".
DEPUTACIÓN
A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, sinalou que "é hora de que o Estado e a Xunta de Galiza deixen de perder o tempo e actúen".
"O anuncio de Alcoa confirma que a única saída pasa pola intervención e nacionalización da empresa. Débese mandar unha mensaxe clara aos especuladores industriais. As dúas administracións deben actuar con contundencia na defensa dos mil postos de traballo en xogo e no futuro da comarca da Mariña", esixiu.
Maite Ferreiro lembrou que o pleno provincial aprobou o pasado martes, por unanimidade, unha moción para reclamar á Xunta de Galiza e ao Estado a intervención pública para a nacionalización da factoría de San Cibrao, como reclaman o comité de empresa e os sindicatos.
XUNTA
O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, tamén comentou que "estamos traballando conxuntamente. Esta tarde, tralo Consello de Ministros, imos contactar coa vicepresidenta cuarta, e esperamos seguir coa nosa folla de ruta. Recurso fronte a un ere que consideramos fraudulento, medida cautelar ante o xulgado para que non se apaguen as cubas e seguir para conseguir unha venda concreta e delimitada desa factoría ao comprador, que o hai, e que está disposto a operar a fábrica e seguir producindo aluminio mantendo o emprego", dixo o presidente da Xunta de Galicia.
PSOE
A secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero acusou a Alcoa de cruzar a liña vermella das empresas responsables, trala presentación do ERE por parte da multinacional. A política laboral da empresa quedou completamente en evidencia, tras anunciar o expediente de regulación de emprego. “Alcoa xa non pertence ao grupo de empresas responsables”, dixo a dirixente socialista.
“Agora toca parar o ERE de Alcoa”, remarcou. E advertiu que “Alcoa ignorou todos os chamamentos para volver á negociación, e dar paso ao novo inversor. Deixou claro que quere ignorar e abandoar o destino dos seus traballadores na Mariña Lucense”.
Dende o PsdeG “demandamos á autoridade laboral competente que impugne este ERE presentado en fraude manifesto da lei. E tamén reclamamos ás dúas administracións implicadas, Goberno Central e Autonómico, así como aos concellos da Mariña e todas as forzas políticas, manter a mesma unidade de acción. Este novo escenario merece toda a nosa atención, dedicación e traballo co fin de parar este ERE inxusto e inmoral”, dixo Otero.
“Queremos protexer por riba de todo os intereses dos traballadores, por iso queremos reiterarlles todo o noso apoio. Só traballando unidos imos gañar esta batalla contra aqueles que demostraron que non merecen máis que o noso rexeitamento político”, concluíu Patricia Otero.
BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou esta mañá en Lugo despois de coñecer a noticia, que “sería unha irresponsabilidade imperdoable que PP e PSOE permitan o peche da planta de aluminio primario e o despedimento dos traballadores"
Afirmou que “non se pode perder un minuto máis porque Alcoa xa ensinou as súas cartas”. Ademais reclámalle á Xunta de Galicia e ao Goberno de España que "poñan de sobre a mesa a nacionalización do complexo para manter o emprego e a actividade industrial".
UGT
UGT pediu ao Goberno que interveña a planta de Alcoa en San Cibrao e evite así que peche a factoría. O seu secretario xeral, Pedro Hojas, insta ao Goberno que tome esta decisión para evitar o despedimento anunciado dos 524 traballadores, "xusto cando se estaba negociando cun comprador un proxecto de futuro".
"Entendemos que unha empresa queira marcharse, pero non podermos consentir que, canda se está a negociar a súa continuidade cun comprados, eles decidan pechar unilateralmente e deixar na rúa aos 524 traballadores", dixo Hojas.
Tamén advertiu que dende UGT FICA "non llo vamos permitir, vamos a pelexar `por defender un sector estratéxico para o noso país como é o do aluminio primario. E esiximos ao Goberno a que faga o necesario e coas ferramentas legais que ten para salvar o sector", engadiu, "pedimos ao Goberno que tome xa unha decisión de intervir a planta", rematou dicindo.
ALCALDES
CERVO. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosa unha vez máis o seu apoio, aos traballadores de Alcoa, das empresas auxiliares e das súas familias “ante o novo e angustiosos escenario que se abre no día de hoxe”; pero coa esperanza de que os compromisos políticos adquiridos, se se chegaba a esta situación, se materialicen canto antes; “teñen que utilizar todas as ferramentas que teñen ao seu alcance, como prometeron, para que as cubas sigan funcionando e para que a Mariña non deixe de producir aluminio primario”.
O rexedor precisa que “non podemos tirar a toalla” e debemos seguir unidos pelexando polo noso presente e futuro; e o Estado, co apoio da Xunta de Galicia, ten que mover ficha para reverter como sexa a situación e intervir para salvar a Comarca, tal e como lle escoitamos en reiteradas ocasións, tendo en conta ademais que as instalacións inclúen un porto e unha estrada estatais.
Villares apunta que debemos manter a fe e a confianza de que se tomarán as decisións políticas adecuadas para evitar que as cubas, o pulmón, da fábrica, deixen de traballar; “porque o escenario contrario é inimaxinable; un auténtico pesadelo para a bisbarra, que se vería golpeada de morte no económico e no social”.
FOZ. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, di que hai que tombar o expediente de regulación de emprego e ademais manifestou que isto “é un pau máis da multinacional Alcoa e desde logo todos vamos estar apoiando aos traballadores e traballadoras e facendo presión. Todas as administracións están traballando conxuntamente e, tal como dixo o vicepresidente da Xunta, o ERE presentado nestes termos é presuntamente un fraude de lei. Polo tanto o que temos que facer agora é tombar este ERE, que vén no peor momento posible, cando xa se deron todas as concesións a favor dunha venda ao grupo Liberty e se non era así intermediando a través da SEPI”.
Fran Cajoto engadiu “non podemos permitir de ningún modo que a planta de Aluminio e as cubas paren e máis de 500 traballadores vaian ao paro, cando están no medio da vida laboral, en pleno funcionamento, producindo un aluminio de calidade e cando hai un grupo investidor que ademais de continuar coa produción de aluminio quere ampliar e investir na comarca”.
O alcalde de Foz remata comentando que “temos que estar todos fortes, agora estamos coa mente en Alcoa e nas nosas veciñas e veciños afectados, apoiando e forzando. As administracións deben continuar co seu esforzo e non permitir isto de ningunha maneira, que fagan o que teñan que facer para que o traspaso se faga efectivo e que a fábrica non peche nin pare nin haxa un só despido”.