O Pleno do Concello de Xermade reunirase en sesión ordinaria este xoves 21 de outubro, ás 20:00 horas. Darase conta da sinatura do convenio para a construción dunha depuradora no Campo da Feira-Momán, o pasado 7 de outubro, grazas ao cal a Confederación Hidrogafica Miño-Sil achegará o 80% do custo da redacción do proxecto, dirección de obra e execución das obras, estimado en 320.000 euros. O Concello de Xermade asumirá a posta a disposición dos terreos necesarios para a execución da obra, e o 20% restante.
Tamén se vai poñer en coñecemento do Pleno o trámite de información pública do estudo de impacto ambiental e solicitude de autorización administrativa previa do Parque Eólico Mistral de 100,8 MW, e a súa estrutura de evacuación na provincia de Lugo, e do Parque Eólico Nordés, de 67,2 MW, e a súa estrutura de evacuación nas provincias da Coruña e Lugo, publicado no Boletín Oficial da Provincia o pasado 7 de outubro. Ambos parques son promovidos por Greenalia Wind Power. O prazo para presentar alegacións é de 30 días hábiles. A oficina de urbanismo, medio ambiente e obras está a disposición da veciñanza para ofrecer información e asesoramento ao respecto deste expediente.