As anpas de Vilalba mostran a súa preocupación polo inicio do curso

TerraChaXa
As asociacións de nais e pais do alumnado dos centros de educación infantil e primaria do casco urbano de Vilalba (Ceip Antonio Insua Bermúdez, Ceip Manuel Mato Vizoso e EEI de Vilalba) decidimos emitir un comunicado conxunto ante as “incertezas e inseguridades” que provoca na comunidade educativa o inicio do curso escolar 2020-2021, previsto para o vindeiro 10 de setembro, por mor da incidencia actual da pandemia provocada polo virus COVID-19.
20 Ago 2020

As asociacións de nais e pais do alumnado dos centros de educación infantil e primaria do casco urbano de Vilalba (Ceip Antonio Insua Bermúdez, Ceip Manuel Mato Vizoso e EEI de Vilalba) decidimos emitir un comunicado conxunto ante as “incertezas e inseguridades” que provoca na comunidade educativa o inicio do curso escolar 2020-2021, previsto para o vindeiro 10 de setembro, por mor da incidencia actual da pandemia provocada polo virus COVID-19.

En concreto, a preocupación ven dada pola evolución do coronavirus, con numerosos repuntes que se están a producir no noso ámbito máis próximo, como os gromos de Cospeito e Castro Ribeiras de Lea, ou os doutras zonas aledañas, como A Mariña e a comarca do Eume.

Esta é unha preocupación compartida polas tres anpas de infantil e primaria da vila e que responde ao “sentir xeral da comunidade educativa”, tal e como xa amosaron estes días a Federación Provincial de Anpas de Centros Públicos de Lugo (Fapacel) ou a Confederación de Anpas Galegas.

Presencialidade e seguridade nunha “burbulla inestable”.
O primeiro que reclamamos os pais e nais do alumnado é “presencialidade e seguridade” para as crianzas en particular e para as familias en xeral. Sen “dotación e sen planificación”, que “non parece habela a falta de tres semanas escasas para o comezo do curso”, o sentimento xeral é dunha “fonda preocupación”.

Dende as Anpas vilalbesas consideramos que “non podemos arriscarnos a ver que pasa”, porque estamos diante dunha “bomba explosiva”, parafraseando as verbas do director do Centro de Coordinación de Alertas y Emergencias Sanitarias do Goberno central, Fernando Simón.

No caso concreto dos nosos centros, a chamada “burbulla estable” non existe, xa que van convivir “entre 20 e 25 rapaces por aula”, que proceden de “distintos entornos familiares, laborais e sociais”, e que “se van misturar nos buses, nos servizos de madrugadores, nos comedores ou nas actividades extraescolares sen ningún tipo de planificación”.

Unha tarefa titánica: novos retos e mesmos recursos
Desde os equipos escolares dos centros están a elaborar “novos protocolos coa mesma dotación orzamentaria, humana e material doutros cursos”, e cónstanos tamén a súa preocupación e “o esforzo que están a facer” para elaborar cos seus escasos recursos “regulamentos e patróns de conducta que permitan minorar os riscos”.

Con todo, faltan “espazos que permitan cumprir a seguridade nas distancias” e “persoal para poder extremar a hixiene e redobrar os esforzos do coidado de nenas e nenos”, como é o caso do alumnado de educación infantil e primeiros cursos de primaria, onde resultará “moi difícil que se comporten de xeito que non supoña un risco de contaxio”.

A estas alturas, desde as administracións -e nomeadamente desde a Xunta de Galicia e o Ministerio de Educación- deberan estar “planificando a volta as aulas de xeito seguro, habilitando espazos, deseñando quendas racionais, desdobrando aulas, reducindo a xornada lectiva, contratando máis docentes, promovendo axudas para as familias e as empresas para a conciliación familiar ou planificando roteiros seguros de transporte escolar”, pero “non observamos que isto sexa así”.

Precisamente, estes últimos aspectos preocupan dun xeito especial na Escola de Educación Infantil, unha comunidade “máis pequena en todos os sentidos”, onde se xuntan diversos condicionantes como “unha matrícula sensiblemente inferior á do curso pasado, un contacto directo con rapaces dos outros centros nos roteiros de transporte e moi escasos recursos para garantir a seguridade dos nenas e nenos”.

No caso dos outros dous centros, xa houbo algunhas propostas, aínda sen demasiada concreción, como reorganizar o servizo de comedor ou restrinxir a organización de actividades extraescolares propias, pero iso non quita que os rapaces de diferentes aulas poidan manter contacto estreito entre eles noutros entornos e lugares da vila.

0.094254970550537