“As asociacións poden chegar a mobilizar a máis de 300 persoas no ámbito musical”

TerraChaXa
Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura
lorena-tenreiro-concelleira-cultura
Carteis
14 Xul 2024

Fálenos un pouco do contido das festas. Porque temos novidades con respecto ao ano pasado, non?

Este ano, como o ano pasado, haberá dous tipos de actividades. As máis tradicionais como as orquestras, que terán lugar do venres 19 ao luns 22 e, os días antes, do 15 ao 18, e por outra banda, retomaremos a iniciativa As Noites do Carme, na que daremos espazo ás agrupacións musicais da nosa vila para que poidan actuar ao aire libre ante os veciños e veciñas das Pontes. Estará A rondalla, a Escola Municipal de Acordeóns, O Conservatorio e a Coral, que cumpre 50 anos de vida. O venres 19 ás 10 no canal VI, terá lugar o concerto estrela con Coque Malla. Ademais das Noites do Carme, desfrutaremos das verbenas na praza do Carme, do venres 19 ao luns 22 e, por suposto, a Festa da Fraga cun festival que este ano cambia por completo, abandonando a musical folk para irnos a unha mestura de estilos. Para o venres 25 está reservada a xa coñecida e tradicional sesión vermú, cunha sorpresa ao final xa que este ano haberá unha sesión de dj cun Dj local para rematar a sesión.

Que pode contarnos deste ano a nivel musical?

Temos moitas entidades que fan un arduo traballo ao logo de todo ano, conseguindo que máis xente se achegue ás asocicións, que participe nas actividades ou que aprenda música. Por iso cremos que é importante sacalas dos seus espazos habituais, que soen ser a Casa do Peso e o auditorio municipal e mostrarlle a todo o mundo, nun lugar aberto ao aire libre e propicio para que a xente sente e mire, o excelente traballo que fan ao longo de todo o ano. Estes colectivos poden incluso, chegar a mobilizar a máis de 300 persoas no ámbito musical, e aí a súa importancia.

Cal sería outra figura destacada este ano?

Hai unha actuación que a min me fai especial ilusión xa que é o primeiro ano que se fai. Consiste nunha iniciativa de músicos das Pontes que están en distintos puntos do mundo e que lles apetece facer e dar a coñecer o traballo que fan nos seus diferentes lugares de residencia. Será o día 23 pola noite, na Fraga, onde terá lugar unha pequena Jam Session con temas moi coñecidos. Creo que é unha proposta nova moi interesante, xa que que a xente do teu pobo participe dunha forma tan activa e non como mero espectador dálle un valor completamente diferente. A finalidade é mostrar o talento que temos que creo que é o máis importante. É unha das grandes apostas á musica local en todos os sentidos, xa que falamos de música coral, de rondalla, música de cámara, tradicional e disco. Ou sexa, que tocaremos todos os paus.

Con respecto á mocidade pequena. Cales serían as novidades deste ano?

Como tódolos anos, volvemos sacar a nosa biblioteca á rúa, porque é un elemento moi importante para a dinamización cultural na nosa vila. Ademais de que ten un público moi fiel e funciona de marabilla. Nesta ocasión irá para a praza de América e durante as mañás haberá distintos obradoiros de lectura, de pintura ou escritura para que os que se queiran achegar alí poidan facer distintas actividades relacionadas coa creación ou a literatura. Despois, polas tardes, ás seis, desde o sábado ata o martes, imos ter Parque Activo, no que haberá distintos espectáculos con contacontos, maxia, monicreques, circo e, como colofón, unha festa con inchables e escuma.

Hai moita xente sempre nestas actividades de pequenos?

A verdade é que si, estamos moi contentos. A biblioteca fai un traballo espectacular ao longo de todo o ano a través da iniciativa Xoves na Biblio, que fai que teña os un público moi fiel que asiste de maneira asidua a todas estas actividades. Entón, cando a biblioteca sae á rúa contamos con ese público e despois con outro que non coñece ou que, por circunstancias, non pode asistir e atopa no parque activo unha proposta moi interesante de lecer.

Foi máis fácil organizar estas festas que as do ano pasado?

Si, a diferenza é substancial. Porque, o ano pasado, o meu compañeiro e predecesor Vicente tiña moito traballo adiantado e, aínda que estaba todo pensado e ben feito non é o mesmo que ti organices desde o primeiro momento e teñas o control da situación. Cambia moito o enfoque. Este ano, desde o mes de xaneiro, estou traballando na organización das festas, entón teño todo baixo a miña man. Sei o que sucede ou o que non, os problemas que xorden coas infraestruturas, servizos de limpeza ou da seguridade. Situación das que eu non era coñecedora porque nunca organizara unhas festas. Conto cun equipo en Cultura moi compenetrado, que son os que me axudan. Está formado por dúas técnicas, Susana e Ana, que se encargan da parte máis técnica, como a contratación e a loxística, e tres conserxes, Alberto, Sonia e Sandra, que se dirixen máis ao día a día, como o reparto de carteis, control de apertura de espazos, comprobar que todo está correcto, atender aos artistas cando chegan… Ao final son eu a que decide, pero sen eles sería imposible.


“Do que máis orgullosa estou é de ter sesións de cine neurodiversas”

Pode facernos unha valoración de como foi este tempo?

A verdade é que estou moi contenta co resultado porque, ademais de que poder programar cousas que sempre quixen na miña vila, xa máis como espectadora e non só como xestora, ves que hai unha boa reacción polos veciños e veciñas, e tamén de xente doutros concellos. É moi satisfactorio.
É unha marvailla tamén ver como as asociacións e as agrupacións locais van medrando e mellorando ata o punto de ver colaboracións con persoas influíntes, como a que fixo a Rondalla con Amancio Prada. Tamén estamos moi concienciados en abrir as portas a artistas emerxentes, como a Chica Sobresalto ou traer a artistas tan importantes como Ismael Serrano e o Kanka. Ao final, o obxectivo é poder ter distintas ofertas culturais e achegar unha programación de calidade propia de calquera grande vila a un prezo accesible para que a xente non se teña que marchar das Pontes para poder ver unha película no cine de estrea ou unha obra de teatro. Implica moito traballo de despacho e moito traballo de rúa, ademais dun enorme esforzo persoal

É difícil organizar o que queren nas Pontes?

E relativamente sinxelo, no sentido de que o equipo de cultura levan moitos anos traballando no departamento entón teñen un control total e absoluto do sector. Sabes a que portas hai que chamar ou que nos pode axudar en determinados momentos. En temas musicais, de contratación de artistas, sucede un pouco o mesmo. Nós traballamos cunhas axencias que nos ofrecen distintas cousas. O que ocorre é que non somos unha comisión de festa, se non unha Administración Pública o que fai que todo teña que pasar por unha serie de procesos administrativos polo que dificultan e fan que sexa máis lento do que nos gustaría.

Que destacaría do realizado este ano por riba dos demais?

Deste ano do que me sinto máis orgullosa é de ter sesións de cine neurodiversa para rapazas e rapaces con autismo.
É unha satisfacción que nenos que xamais foron ao cine e non saben o que é ver unha película fóra da casa podan ter esa opción no seu concello de residencia. Considero que está por riba de todo o que fixen ata o de agora.

Cal é o que máis gusta?

Vai por tempadas, o cine funciona, os concertos de artistas con moita fama son sempre un acerto á hora de programar. O teatro, por exemplo, conta xa cun público moi fiel. Depende un pouco do que programes, da xente que vaia. É unha cousa de gustos.

Van traer algunha novidade?

Contaremos en outubro coa Chica Sobresalto e o cine de estreo e, tamén en novembro estará Dique. Ademais doutras actividades que xa están programadas que esperemos que desfruten todos.

0.20544981956482