As axudas da Xunta para mozos agricultores abriranse a mediados de xullo

LugoXa | TerraChaXa
Dedicaranse máis de 30 millóns de euros en apoio ao rural
Nicole-Grueira-e-Enrique-Barreiro-PP-Friol
14 Jun 2025

Os deputados do Grupo Popular no Parlamento galego, Nicole Grueira e Enrique Barreiro, anunciaron que a partir de mediados do vindeiro mes de xullo quedará aberto o prazo para solicitar as novas axudas da Xunta destinadas á incorporación de agricultores mozos —entre os 18 e os 40 anos— e á modernización ou mellora de explotacións agrarias.

“Son un claro incentivo e mostra da aposta da Xunta pola incorporación de mozos ao rural, un rural vivo e que día tras día conta con máis xente nova á fronte das explotacións”, subliñaron durante unha visita a unha granxa de Friol, onde se están a executar obras grazas a estas achegas públicas.

Estas axudas, que no pasado ano permitiron repartir case 46 millóns de euros entre 832 proxectos, beneficiaron a 320 mozos que se incorporaron á actividade agrogandeira e a outros 370 plans de mellora en explotacións grandes e pequenas. Ademais, incluíron 133 expedientes para novos agricultores de entre 41 e 55 anos.

De cara a este 2025, a Xunta prevé destinar 30,5 millóns de euros a esta iniciativa, divididos en dúas liñas principais: a primeira, con 16 millóns, dedicada á incorporación de agricultores mozos; a segunda, con 14,5 millóns, centrada na modernización ou mellora das explotacións. A estas cifras engádense 5,5 millóns adicionais para apoiar plans de mellora que non foron aprobados na convocatoria de 2024 pero que permitirán aos mozos beneficiarios completar os seus investimentos e iniciar a actividade produtiva.

Para optar a estas axudas, os interesados deberán presentar un plan empresarial, comprometerse a manterse na actividade agraria durante cinco anos tras recibir o pago final da axuda e participar no programa de titorización promovido pola Consellería do Medio Rural.

⚙ Configurar cookies
0.15336298942566