As axudas do Concello de Burela pola pandemia ascenden a 125.000 euros
As axudas do Concello de Burela para os empresarios do municipio que tiveron que cesar a súa actividade pola pandemia do covid-19, que ascenden a 125.000 euros, poderán solicitarse a partir do vindeiro luns, día 31. As bases serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e na sede electrónica do Concello este venres, día 28.
O alcalde burelés, Alfredo Llano, anunciou hoxe que “unha vez culminadas todas as fases normativas ás que había que someter as axudas a autónomos, empresarios, comerciantes, de hostalería e de calquera outro ramo de Burela polos efectos do covid-19, este venres, día 28, van saír publicadas no BOP as bases que regulan estas axudas. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais e remata o 17 de setembro, así que os interesados deben darse présa. A presentación se son persoas xurídicas pódese facer exclusivamente de forma electrónica e as persoas físicas, como os autónomos, poden presentalas tamén de forma presencial, no Concello”.
O rexedor municipal destaca que “a contía final logrouse que sexan 125.000 euros para estas axudas e o máximo individual será de 700 euros para garantir que todo o mundo poida ter unha oportunidade de acceder a estas axudas, que serán sobre todo para gastos de alugamento de locais ou de funcionamento, como lixo e auga, pero tamén inclúen outros gastos como adquisición de material consumible para desinfección e de equipos de protección individual derivados da pandemia. Tamén hai axudas para as cotas do réxime correspondente da Seguridade Social ou mutua profesional. Ou sexa que é un abanico grande o que hai para pedir estas axudas. Cada unha delas ten unha porcentaxe que loxicamente está en función da normativa”.
Alfredo Llano explica que “os requisitos para ser beneficiarios veñen recollidos nas bases da convocatoria, pero o máis importante é que teñen que ter cesado a súa actividade por verse afectados segundo o disposto no Real Decreto publicado naquel momento. Ou sexa que quen solicite a axuda evidentemente tivo que ter un peche da actividade, o que se explica perfectamente nas bases. A partir deste venres, cando sairá publicado no BOP, tamén estará colgado na sede electrónica do Concello de Burela. E a partir do luns xa se poderán solicitar”.
O alcalde engade que “isto é algo que o Concello de Burela procurou facelo da mellor maneira e o antes posible, pero hai moitos requisitos que hai que levar a cabo para que por fin culmine no que se vai facer agora, que é a publicación oficial. E desta maneira o Concello de Burela colabora cos pequenos comerciantes, cos autónomos, coa hostalería, coa restauración, etcétera, para minguar o ocasionado pola pandemia do virus. Así que quero motivar a todo o mundo que vexa que pode solicitar estas axudas que o faga a partir do luns día 31”.