As axudas nominativas e varias obras centraron o primeiro pleno telemático de Vilalba
A corporación municipal de Vilalba celebrou xa o primeiro pleno telemático da súa historia nunha sesión na que ían varias medidas para paliar os efectos económicos da crise provocada polo coronavirus, aínda que o maior debate deuse cando se abordou a concesión das subvencións nominativas a 71 entidades do municipio por valor de máis de 350.000 euros. A proposta aprobouse cos votos a favor do equipo de goberno e a abstención do PP, que reclamou ao Concello que axilice o pago das axudas de 2019 que varias asociacións teñen aínda sen cobrar.
Ademais, aprobáronse por unanimidade os proxectos para renovar a iluminación en Buxibán, en Codesido, e o abastecemento das rúas Calvario e Os Pepes; o convenio coa Academia Galega de Seguridade para a contratación de auxiliares da Policía Local; a reforma de sete ordenanzas para suprimir ou reducir taxas municipais e unha modificación de crédito para destinar 30.000 euros da partida do PXOM a emerxencia social.