As bandas de Meira e Ribadeo actúan este sábado na vila ribadense
Este sábado, 10 de agosto, celebrarase o Festival de Bandas de Ribadeo no que participarán a Banda Municipal de Meira e a ribadense. O evento terá lugar no parque San Francisco e previamente haberá un pasarrúas desde o Teatro ata o parque, ás 19:45 horas.
O director da Banda ribadense, David Ballester, explicou que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo segue cos seus concertos da tempada de verán e o sábado 10 de agosto terá lugar o Festival de Bandas. Este ano estará a Banda Municipal de Meira máis nosoutros. Empezaremos cun pequeno pasarrúas desde a porta do Teatro ata o parque San Francisco, onde será o festival. Comezaremos ás oito menos cuarto co desfile e ás oito será o Festival de Bandas. En caso de que teñamos a mala sorte de que chova ou faga mal tempo iremos ao auditorio”.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo convida “á xente á que lle guste a música de banda e queira gozar dese tipo de música a que o sábado 10 de agosto pasen polo parque de San Francisco. Por parte da Banda Municipal de Ribadeo todas as obras que se van interpretar neste festival de bandas son de estrea, é a primeira vez que as tocaremos. Así que convidar a toda a xente a que veña gozar delas”.